A pantasma dos Ancares de mudanza

Pode parecer arrepiante pero non é unha imaxe doutro mundo. En realidade é un fenómeno óptico que ten nome de seu: o espectro de Brocken. O do espectro está claro, iso é o que parece. O de Brocken débese á montaña alemá onde se observaba a cotío e deu lugar a súa primeira descrición no século XVIII. Neste caso non estamos na Alemaña senón bastante máis preto, tanto como o pico Sacro (Boqueixón) e, que saibamos, poida que sexa o terceiro rexistro gráfico deste fenómeno que documentamos no país. A imaxe é de outubro de 2022 e o seu autor vén de nola enviar por correo.

A súa explicación física é bastante complexa porque comprende varios fenómenos. Precisamos estar nun cumio co Sol ás nosas costas, nas primeiras horas da mañá. Se por baixo hai brétemas conseguiremos que a nosa sombra se proxecte sobre elas como nunha pantalla de cinema. A figura pantasmal, en realidade, somos nós mesmos. Ata poida que vexamos como se move ondulantemente aumentando a sensación de arrepío; trátase só da propia “pantalla de proxección” que se move polo aire. A forma triangular é un efecto da perspectiva e o tamaño xigantesco polo falta de referencias claras.

Pode aparecer como neste caso unha aureola na parte superior de cores irisadas, é a gloria. A presenza de pingas pequenas de auga refractan a luz solar dun xeito moito máis complexo ca nun arco da vella, coa luz refractada unha vez dentro das pingas, pero con contribucións de moitas máis refraccións. Se viaxas en avión é posible que o viras algunha vez. Estamos certos que o parecido coa representación tradicional da aureola de santos e virxes non é casual.

Sendo como é un fenómeno raro hai moi poucas imaxes do espectro de Brocken no noso país. A que publicáramos en outono de 2018 uns anos tirada nos Ancares e outra anterior aparecida nas redes sociais do hotel Piornedo na mesma zona. Así que aínda que pareza que a pantasma se mudara ao pico Sacro imos seguir mantendo a nosa denominación de “a pantasma dos Ancares” para este fenómeno, como tradución/adaptación do orixinal “espectro de Brocken”.

Poderías gostar de...

O cangrexo foi o primeiro

Imaxinade que sodes un astrónomo na busca da fama. Daquela, polo século XVIII, o máis doado era atopar un cometa, publicalo e agardar a que

Ás voltas co ceo estrelecido

Imaxinades ter ollos que foxen quen de rexistrar a luz que lles chega durante minutos? Pola noite descubrirïamos que o ceo xira ao redor das

Flores no ceo, flores na terra

Vistes as flores celestes? Máis ben son as flores cósmicas. Aí, no medio desa nube que se estrica en diagonal pola imaxe, semellan caraveis rosas.

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2025