Flores no ceo, flores na terra

Vistes as flores celestes? Máis ben son as flores cósmicas. Aí, no medio desa nube que se estrica en diagonal pola imaxe, semellan caraveis rosas. Esas son as nosas flores. Porén, os seus nomes non parecen ser os dunha flor: nebulosa da Lagoa, a Trífida, da Aguia… Pétalos formados por nubes de hidróxeno ionizado pola acción de estrelas que irradian o gas. Pero ocultos no po cósmico hai tamén estrelas que se están a formar. Axiña, que en termos cósmicos poden ser milleiros de anos, comezarán a formar helio a partires do hidróxeno nun proceso de fusión, facéndose visibles ao emitir luz e calor. Estrelas que, en ocasións, gozarán da formación de planetas ao seu redor, construídos con materiais do seu disco de acreción. Estrelas que, chegado o caso, estouparán ao esgotar o seu combustible sementando o cosmos dos elementos químicos fabricados ao longo da súa vida. Moito despois, en lugares moi afastados, eses refugallos permitirán que nazan novas estrelas e planetas.

Vistes as flores terrestres? Teñen nome de seu: Santolina melidensis. Son unha especie endémica dun territorio a escarranchapernas das provincias da Coruña e Lugo, os concellos de Santiso (Terras de Melide) e Palas de Rei (Comarca da Ulloa). As flores son evidentes. Os seus pétalos, de cor amarela, están formados por auga e compostos orgánicos, baseados no carbono. Hidróxeno, osíxeno, carbono… e o resto de elementos do sistema periódico fabricados no interior das estrelas. Estas flores formarán as súas sementes para se reproduciren, nun periodo bastante inferior ao das flores celestes. En todo caso, se as deixan.

O autor da imaxe explorou a zona durante meses para atopar unha mata de Santolina que estivera ben orientada para captar a Vía Láctea na mesma toma, chegada a época da floración. E así atopou na parroquia de Barazón Grande (Santiso, A Coruña) en xullo de 2024. Alí tirou 8 fotos para cada un dos 3 paneis que uniu para formar a imaxe do ceo, cada unha con 30 s de exposición. Para a paisaxe abondoulle con 4 fotos de 20 segundos de exposición.

Por certo, a imaxe aparece no mes de novembro de #CeosGalegos25. Agardamos que chegao ese mes aínda poidamos gozar desas flores terrestres.

Poderías gostar de...

Desde a caverna

Cando miramos desde o fondo da espenuca, para ollar a realidade, o abraio pode ser maiúsculo. Na nosa imaxe esa sería a realidade fóra das

A muiñeira das auroras

Estamos a vivir unha tempada extraordinaria. Unha actividade solar en máximos históricos está a provocar que poidamos gozar das auroras boreais desde o noso país.

O lobo oubeando ao cabalo escuro

Na terra, un lobo oubea para indicar o seu mando na grea. No ceo, un cabalo escuro fica impertérrito. A nebulosa dese nome é unha

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2026