
Imaxinade que sodes un astrónomo na busca da fama. Daquela, polo século XVIII, o máis doado era atopar un cometa, publicalo e agardar a que a sona de gran astrónomo se espallara por toda Europa. E iso é o que procuraba o noso protagonista, de nome de pía Charles.
Como descubrir un cometa? Con paciencia e con xeito. E cun telescopio, claro. Tiñas que pescudar o ceo nocturno na busca dalgunha mancha abrancuzada, algún punto gordo difuso ou calquera outra cousa rara. É dicir, que non fora unha estrela (un punto luminoso) ou un planeta dos xa coñecidos (puntos gordos luminosos). A proba definitiva consistía en ollar esa manchiña día tras día para comprobar que se movía sobre o fondo das estrelas fixas. Ese serían entón un comete novo. Non podías agardar a que tivera forma de cometa, co núcleo e a cabeleira, porque entón sería moi tarde e outros astrónomos poderían detectalo.
E aí estaba o problema, cada vez que Charles atopaba unha manchiña abrancuzada no seu telescopio demoraba días e semanas ata desbotar que fose un cometa, ao comprobar que non se movía. Así que decidiu facer ao revés, rastrexar todo o ceo na procura de todas as manchas e, cando xa tivera todo anotado, as manchas novas que atopara case seguro serían obxectos novos con moitas posibilidades de seren cometas.
Así que Charles desde o observatorio situado no Hôtel Cluny comezou pola constelación do Touro, agardando a reaparición do cometa Halley trala predicción do seu descubridor sete décadas antes. Pero atopou este obxecto que denominou M1, o primeiro obxecto do seu catálogo de non cometas. Cando o rematou publicouno co nome de Catálogo de Nebulosas e Cúmulos Estelares, aínda que hoxe en día é coñecido simplemente como Catálogo Messier, pois o seu nome completo era Charles Messier. M1 foi posteriormente baptizado como a nebulosa do Cangrexo.
M1 está a 6 500 anos luz de distancia e ten un diámetro de 6 anos luz. Sabemos que a orixe desta nebulosa foi a explosión dunha supernova o 4 de xullo do ano 1054, tal e como testemuñaron astrónomos chineses. A estrela foi visible durante 3 semanas incluso polo día, cun brillo catro veces superior ao de Venus. Hoxe en día, mentres os refugallos da supernova seguen a se espallar, no interior ficou un púlsar moi compacto que xira á velocidade de 30 voltas por segundo.
A imaxe foi tirada desde os ceos galegos de Vilamarín (Ourense) mediante unha cámara ASI2600MC Pro acoplada a un telescopio Celestron C8. Requiriu un tempo total de de dúas horas de integración de fotogramas para compoñer a imaxe final.