Eclipse de Lúa, eclipse de Sol

Van en parellas. Sabías? Hai uns días tivemos unha eclipse lunar total, o da foto. Dentro duns días teremos unha eclipse solar parcial. No primeiro, a Terra bloqueaba a luz solar que recibe normalmente a Lúa, aínda que parte é refractada pola nosa atmosfera e por iso a Lúa ten esa cor avermellada. No segundo a Lúa bloquea a luz que recibimos do Sol e, como o noso satélite non ten atmosfera, non refracta nada e escurece o Sol. Completa ou parcialmente.

O caso é que o plano de rotación da Lúa ao redor da Terra ten unha lixeira inclinación de 5º ao respecto do plano de traslación da Terra ao redor do Sol. Pero ese plano de rotación lunar tamén vai xirando. Así que os dous puntos de corte de ámbolos dous planos, cando coinciden na liña visual Terra-Sol, danse as eclipses en parellas, primeiro un e despois o outro.

Desta volta, desde Galicia imos ter entre un 30 e un 40% de ocultación solar, o lugar de maior ocultación de toda Europa. Cando máis ao oeste máis ocultación. Non vai ser perceptible a simple vista. O mellor será empregar métodos indirectos de proxección ou acudir a algún acto público organizado polas asociacións galegas de astrónomos amadores. De xeito directo, podes empregar uns lentes de eclipse solar homologadas.

Ollo, que o ano que vén teremos unha eclipse total de Sol. E o ano seguinte outra parcial. E ao ano seguinte… Vai ser un lustro estupendo de eclipses. Ficade atentos.

A foto tirouse desde a Serra da Capelada (na beira de Cariño, A Coruña), na madrugada do 14 de marzo de 2025. O autor empregou unha Sony A6000 a foco primario nun refractor William Optics f 80 mm, sobreexpoñendo para sacarlle o vermello.

Poderías gostar de...

O lobo oubeando ao cabalo escuro

Na terra, un lobo oubea para indicar o seu mando na grea. No ceo, un cabalo escuro fica impertérrito. A nebulosa dese nome é unha

O xigante do tesouro

Ollade ben á torre do castelo. Dentro hai un pozo cheo de auga, o normal. Neste caso, o pozo ten un encantamento pois agocha unha

Dúas nebulosas

Á esquerda da imaxe podemos admirar a nebulosa NGC7000, alcumada Norteamérica porque a estrutura inferior remeda á península de Florida; cousas da pareidolia. Trátase dunha

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2026