Marchou o Alfredo

Pasou hai uns días, pero foi para sempre. Forma parte da media ducia de colaboradores grazas aos cales puidemos iniciar este proxecto no outono de 2017. El fora o autor da nosa primeira portada. Desde entón, en todas as edicións puidemos gozar dunha imaxe súa, agás nos #CeosGalegos25.

Marchou o Alfredo, para sempre. Na nosa memoria fica aquel raio azul do sol que nos ofreceu hai uns anos: “acabo de atopar no meu disco duro sen procesar un vídeo no que se ven uns raios azuis sobre o sol. Non sei se poden ser de interese”. Daquela fixéramos unha consulta entre os nosos expertos de cabeceira e ninguén tiña constancia de que ese fenómeno estivera rexistrado. Raios verdes si, pero azuis? E aló foi, o día que case rebentamos este blogue por culpa dun “efecto Menéame”. Suxeríamoslle que o enviara ao APOD da NASA pola súa singularidade e el, xeneroso, contestaba: “poida que despois de que o suba ao YouTube e o publiquedes vós no proxecto”. Sempre positivo, sempre xeneroso.

Marchou o Alfredo, para sempre. No noso buzón de correo están os seus envíos, con propuestas de temas para publicar. Unha imaxe para falar da contaminación luminosa, outra para falar das constelacións… ata mandaba algún texto para termos unha base da que comezar o noso relato. A súa vocación docente, sen dúbida.

Marchou o Alfredo, para sempre. Cando facïamos algún concurso para animar o proxecto sempre aparecía el coas súas marabillas. E sempre levaba algún premio, con toda xustiza.

Marchou o Alfredo, para sempre. E para sempre quedan as súas imaxes, mostra da súa arte, dos seus gustos, do seu tratamento no procesado posterior e do seu estilo. Un dos nosos autores/as de referencia. Deses que, cando vemos as imaxes axiña recoñecemos a súa autoría.

Marchou o Alfredo e ficamos orfos. Pero agora os seus átomos pasan a formar parte do Cosmos. Algún día eses átomos serán fotogrados en imaxes coma a de hoxe, formando parte de novos sistemas estelares. Aí irán parar o hidróxeno, o osíxeno, o calcio, o sodio, o nitróxeno… e resto de elementos que compoñen o corpo humano. E será eterno.

Marchou o Alfredo. Para sempre. Pero para sempre estará na nosa memoria.

A nebulosa do Casulo (aparece en varios catálogos coas denominacións IC 5146, Caldwell 19 ou Sh 2-125) atópase na constelación do Cisne a uns 4 000 anos luz de distancia. No seu interior hai unha estrela que fai brillar o hidróxeno estelar ao ionizalo; excítanse os electróns que, ao volver ao seu estado inicial, reemiten a enerxía recibida en forma de luz. A imaxe do Alfredo levoulle máis de 49 horas de observación, durante varias noites e con varios filtros diferentes, no verán de 2024.

Poderías gostar de...

O lobo oubeando ao cabalo escuro

Na terra, un lobo oubea para indicar o seu mando na grea. No ceo, un cabalo escuro fica impertérrito. A nebulosa dese nome é unha

O xigante do tesouro

Ollade ben á torre do castelo. Dentro hai un pozo cheo de auga, o normal. Neste caso, o pozo ten un encantamento pois agocha unha

Dúas nebulosas

Á esquerda da imaxe podemos admirar a nebulosa NGC7000, alcumada Norteamérica porque a estrutura inferior remeda á península de Florida; cousas da pareidolia. Trátase dunha

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2026