
Os cometas son coma os gatos, teñen cola e son impredicibles. O cometa Lemmon (nome de pía para C/2025 A6 Lemmon) descubriuse en xaneiro de 2025 desde o observatorio de Mount Lemmon. Tras moito seguemento e previsións ao final resulta que poder ser visto a ollo nu, a simple vista, sen necesidade de aparellos ópticos. Como dicimos no título, desde a fiestra. Claro está que depende moito de onde teñas a túa fiestra.
Os cálculos indican que ten unha órbita moi excéntrica cunha distancia máxima ao Sol de ata 36 000 millóns de quilómetros. Proviría por tanto da Nube de Oort interna, esa rexión do espazo nos arrabaldes do sistema solar que amorea os refugallos da creación dos planetas e resto de obxectos do noso sistema.
Nestes intres ten unha unha magnitude de 4,5. Como visualmente somos quen de observar estrelas ata a magnitude 5, entra dentro dos límites. Evidentemente, se estamos nunha contorna escura mellor. A cousa mellora na aldea e afastados de farolas e núcleos urbanos na dirección de observación. Neste caso, a zona costeira atlántica tamén é favorable. Tralo solpor, cando comecen a se albiscar as primeiras estrelas, mirando cara o oeste (pola constelación de Serpentario) pode observarse como unha estrela bastante brillante. E, se tes uns simples prismáticos, podes varrer esa zona para admirar un fermoso cometa, co seu núcleo brillante maila cola apuntando cara o Sol. Esa cola, formada pola sublimación do xeo superficial polo impacto co vento solar, refugallos da formación dos planetas hai millóns de anos.
Se aproveitas a web de Heavens Above podes mirar os planos polo miúdo coa súa localización. Incluso, descargar a app no móbil para non perder esta oportunidade. O cometa volverá a pasar preto da Tera, pero será dentro de 1350 anos. Máis ou menos.
A imaxe do cometa Lemmon foi tirada polo Fins Eirexas desde o monte do Gozo, por riba de Compostela.


