
Ollade ben á torre do castelo. Dentro hai un pozo cheo de auga, o normal. Neste caso, o pozo ten un encantamento pois agocha unha sala chea de ouro. Para acceder a este tesouro habería que quitar a auga a caldeiros. Pero coma se fose unha aventura de rol aínda hai máis probas. Ao entrar aparecerá un xigante cunha enorme machada que protexe o ouro. Entón poderemos que facer uso da nosa arma segreda: unha pita negra e un ovo da mesma pita. Ceibamos a pita na sala e, cando o xigante nos ataque coa súa espada, teremos que estamparlle o ovo na fronte e así esvaerase. Teremos uns minutos para facernos co ouro e fuxir antes de que o xigante apareza de novo.
Non vedes o pozo? Normal, é máxico.
Olla agora á dereita da torre, onde a Vía Láctea se perde polo horizonte. Aí hai outro pozo, pero neste caso é un sumidoiro de luz. Ese é o lugar de SgrA*, o burato negro central da nosa galaxia. Un lugar con tanta masa que deforma o espazo-tempo ao seu redor polo que nin os fotóns da luz son quen de saír do seu interior.
Non vedes o pozo SgrA*? Normal, é máxico. Aínda que neste caso débese a que non emite luz e, por tanto non se pode ver. E tamén porque está tan afastado de nós que tampouco podemos ver os seus efectos nunha simple imaxe.
Esta Vía Láctea arqueando por riba da Torre de Sandiás (Ourense) resultou da composición de 3 fileiras de imaxes con 9 fotos por fileira para coller máis da metade do ceo sobre a cabeza do autor. As imaxes foron itradas no mes de xullo de 2025 coa súa cámara Sony a7III + 16-35 mm f 2.8 GMm, sobre un trípode estático. Posteriormente procesadas e unidas cunha aplicación informática para obter esta fermosa panorámica.
Non foi doado, houbo que eliminar imaxes coas canón de luz da orquestra das festas ou coas sereas das ambulancias que pasaban pola A52, ás costas do lugar de toma das imaxes.A imaxe abraia deste o mes de abril de #CeosGalegos26.


