
Na terra, un lobo oubea para indicar o seu mando na grea. No ceo, un cabalo escuro fica impertérrito. A nebulosa dese nome é unha nube de po cósmico que oculta o brillo das estrelas que hai por tras, no mesmo corazón da Vía Láctea. Das patas do cabalo parte un río escuro que leva á alaranxada estrela Antares tras pasar por tras do lobo; na constelación do Escorpión. Trátase dunha súper-xigante vermella, unha das estrelas máis grandes que podemos ver a simple vista coas súas 12 masas solares e un tamaño aproximado á órbita do cinto dos asteroides do Sistema Solar.
O nome da estrela significa “rival ou oposto a Ares”, a denominación grega do planeta Marte. Probablemente porque pola súa cor avermellada compite coa visión dese planeta. Para os árabes, o seu nome Kalb al Akrab significa o corazón do alacrán ou escorpión, pola súa posición central nesa constelación. No mundo exipcio representaba á deusa Serket e anunciaba a chegada do equinoccio de outono, pois aparecía no ceo ao comezo desa estación (daquela, no cuarto milenio antes da nosa era); de aí a presenza de elementos apuntando a estrela en moitos templos da época. Para o mundo persa formaba parte das catro estrelas reais xunto con Aldebarán, Espiga e Régulo, ao seren as máis brillantes preto do plano da eclíptica.
A nebulosa do Cabalo Escuro ou do Cabalo Erguido está a dereita da Gran Fenda da Vía Láctea, esa franxa escura libre de nebulosas que parece dividir en dúas a visión da nosa galaxia desde a terra. Á súa esquerda aprezamos pequenas manchas rosadas: as nebulosas da Lagoa, da Langosta e do Cisne, zonas de formación estelar activa.
En realidade, nin o lobo nin o cabalo son figuras reais. O primeiro é unha escultura de pedra sita na serra do Suído (Fornelos de Montes, Pontevedra). O segundo, un efecto da pareidolia e a capacidade humana para imaxinar figuras recoñecibles nas formas cósmicas.
O lobo de pedra ouveando á Vía Láctea, xusto diante da nebulosa do cabalo escuro. O resultado dunha panorámica tirada o mes de xullo de 2025 a partir de 6 seccións para o ceo, con 5 tomas cada unha de 60 s de exposición para o ceo, e 3 seccións para a terra, con 3 tomas cada unha de 30 s de exposición. O autor empregou a súa Nikon D800 full spectrum mod. Nikkor AI 50mm @f/4, ISO 1600 e filtro Starry Night Prosofton, para tratar de reducir a enorme contaminación luminosa procedente da área metropolitana de Vigo (a uns 50 km).A imaxe é un dos tres “lobos” que aparecen na edición #CeosGalegos26, neste caso no mes de xaneiro, a un tamaño de case 50 cm de ancho.


