
Unha eclipse total de sol é o maior espectáculo que a natureza nos pode ofrecer. Gozar del ao carón do fogar é unha simple casualidade cósmica que se produce unhas 3-4 veces por milenio. Os fenómenos que se producen na parella Lúa-Sol con variados e, ao longo da historia, o único xeito de estudialos era durante as eclipses totais. Por iso sempre se organizaban expedicións aos lugares do mundo nas que ía acontecer unha eclipse, para estudar eses fenómenos que a cotío fican agochados baixo a incrible luminosidade da nosa estrela.
Nesta fermosa imaxe gozamos de varios destes eventos:
- unha enorme prominencia solar á dereita da imaxe (e outra máis cativiña na parte superior): moreas de material de plasma solar que é guindado ao espazo. Moito cae de novo cara ao sol, outro pérdese polo sistema solar dando lugar, de impactar contra o noso planeta, ás auroras
- unha pérola de Baily: esa luz que aparece xusto por baixo da prominencia é a luz solar que se coa polo limbo da Lúa. A luz atravesa o perfil de cráteres e montañas e, cun fenómenos de refracción, adquire esa forma. O nome débese ao primeiro astrónomo que soubo explicar a que se debia
- a coroa solar: ao redor do sol, nesta imaxe moi nidia pola dificultade de captar todos os fenómenos á vez
A eclipse galega de sol foi un evento que nunca máis se vai repetir na nosa vida. Con ou sen nubes puidemos gozar del e, agora, podemos aprender máis do que vimos.
A imaxe tomada por Félix desde o concello de Begonte, ao agocho do muíño número 13 do parque eólico “Casa”.
Empregou a súa Sony A6400 + Sony 70-350G, 350 mm a f:8, velocidade 1/500 s e sensibilidade ISO 100.


