Introdución
A proxección da imaxe do sol mediante diferentes sistemas ten vantaxes evidentes:
- Seguros ao cento por cento (cun mínimo de vixilancia por se acaso).
- Baratos ou de balde
- Algúns permiten ser usados por grupos de persoas ao mesmo tempo
O ideal é practicar antes para saber como empregalos durante a eclipse. Esta dura pouco tempo os nervos poden provocarnos unha mala experiencia. Algúns destes métodos permiten ampliar a imaxe do sol, o que sempre será mellor que unha visión directa cos lentes de eclipse. Cun pouco de imaxinación poderás crear os teus propios métodos unha vez que entendas a súa dinámica.
A caixa escura
Unha caixa de cartón calquera permítenos ter a nosa cámara de proxección da imaxe solar. Vale unha caixa de zapatos, un tubo de cartón de gardar planos, un tubo de papel hixiénico… Canto máis longa mellor e, se é un tjubo de cartón poderemos tapar os seus extremos con cartolinas.
Nun dos laterais pequenos realizamos un buratiño de 1 mm de diámetro; esta parte será a que orientemos cara ao Sol para que a luz entre na caixa. No outro extremo colocamos unha cartolina ou folla branca para que a imaxe teña maior contraste. Aquí aparecerá reflectida unha imaxe solar que, se ben de tamaño pequeno, permitirá ver a evolución da eclipse.
Canta máis distancia ao burato, maior tamaño terá a imaxe; pero ollo porque poida que apareza desenfocada. Tamén está a versión individual con dous cartóns soltos. O superior cun burato para que pase a imaxe do Sol. O inferior, de cor branco, como pantalla de proxección. Podemos afastalos un doutro para atopar un equilibrio entre tamaño de imaxe e nitidez.




Proxección do sol
Sobre unha pantalla branca (cartolina ou similar) podemos proxectar a imaxe do Sol tras atravesar un instrumento óptico que nos proporcione un aumento (catalexo, prismáticos, telescopio reflector…). É preciso que a montura onde teñamos o noso dispositivo (trípode ou similar) sexa de fácil movemento, sen vibracións nin cabeceos, para seguir ao Sol na súa viaxe polo ceo de forma suave. A montaxe terá que estar vixilada sempre, especialmente en presenza de cativos, para evitar que ninguén teña a tentación de poñer o ollo no trebello.
Se os prismáticos teñen na base ou entre os dous oculares unha rosca para un parafuso podes buscar no mercado un adaptador para un trípode fotográfico. En caso contrario, nas imaxes inferiores tes un xeito caseiro de solventar a unión co trípode.
Ollo co uso dun telescopio. Sempre será preferible de tipo reflector. De ser de tipo refractor deberá estar perfectamente colimado porque calquera desviación mínima pode provocar queimaduras no interior do aparello. Lembremos que estamos a magnificar o poder calífico do sol. Así e todo, ter conta sempre que non se quente o instrumento para evitar queimaduras dos plásticos.
Para apuntar ben ao sol hai que procurar que a sombra do aparello sexa mínima, indicando que está perpendicular ao Sol. Nese momento proxectarase na dirección da pantalla que dispoñamos A seguir teremos que enfocala. Xogando coa distancia da pantalla teremos imaxes máis grandes e difusas ou máis pequenas e nítidas.
Unha vantaxe destes métodos é que poderemos detectar manchas solares da fotosfera solar.




Unha idea das imaxes que se poden obter con esta montaxe.




Proximamente
Uso de espellos, bóla de discoteca, escumadeiras, árbores…