AstroGalicia24: a festa galega das estrelas

Que é

AstroGalicia é un espazo de lecer e divulgación científica ao redor da astronomía que desde as asociacións de amadores da astronomía do país ofrecemos a toda a poboación. Serve tanto de punto de encontro das asociacións astronómicas galegas como para que xente curiosa e interesada pase uns días de desafío intelectual. Moitas das actividades están abertas a toda a poboación. Outras, as menos, só para os inscritos. Un programa de actividades paralelo aumentará a oferta de actividades e accións.

Para quen

Gustamos de presumir que na AstroGalicia hai espazo para toda persoa que teña un pouco de interese intelectual pola súa contorna. Por iso, hai charlas divulgativas, exposición e observacións astronómicas de balde para todos os públicos. Pero tamén actividades de varias horas de duración para iniciarse ou afondar no coñecemento da astronomía, a astrofotografía, a divulgación astronómica e moitos eidos asociados ás estrelas e ao espazo.

Sexa cal sexa o teu perfil hai unha actividade ao teu gusto se:

  • queres comezar a iniciarte na astronomía
  • es un astrónomo/a afeccionado/a
  • gustas da fotografía e queres saber de astrofotografía
  • fas divulgación e queres coñecer técnicas profesionais
  • tes curiosidade polo mundo que che rodea
  • pertences ou queres pertencer a unha asociación de astrónomos/as amadores/as.

Onde e cando

Lugar: Arzúa. Edificio Multiusos Terra do Queixo.

PROGRAMA oficial de actividades para os días 21 e 22 de decembro de 2024.

Inscricións: engadindo á cesta da nosa tenda o produto virtual da inscrición en AstroGalicia e cubrindo o formulario pertinente.

Participantes: ata 100 inscritos no programa oficial de actividades. Varios ducias máis nas actividades abertas. As inscricións poden facerse só para os obradoiros/seminarios ou tamén facer a túa reserva de aloxamento e xantares, coas condicións que se indican.

Relatores: Isabel Rebollido (astrónoma na Axencia Espacial Europea), Alba Fernández Barral (xefa de comunicacións do proxecto CTAO), Rubén López Coto (Instituto de Astrofísica de Andalucía), Salvador Bará Viñas (profesor retirado da USC), Martin Pawley, Marcos Merinero (ESERO Asturias), Leonor Ana Hernández (AstroHita), Fernando Cabrerizo, Ana Ulla de Miguel (Universidade de Vigo), Alejandro Cardesín (Fundación Ciencia, Ceo e Cultura), Enrique Alonso (Fundación Ciencia, Ceo e Cultura)

Charlas: de acceso de balde ata completar capacidade e cun nivel para todos os públicos. Os relatores están investigando en temas de completa actualidade e/ou son excelentes comunicadores.

Obradoiros: de acceso só para os inscritos. Indicamos o nivel por razóns informativas.

  • Iniciación á astronomía (iniciación).
  • Iniciación á fotografía nocturna e astronómica (iniciación).
  • Escola de Astronomía: nivel medio, para as persoas que facedes actividades e divulgación.
  • Iniciación á RadioAstronomía (básico-medio)

Seminarios: nivel medio ou avanzado

Terán lugar ao mesmo tempo que os obradoiros, polo que serán incompatibles con aqueles (agás un par de excepcións).

  • AstroFotografía planetaria
  • Contaminación luminosa
  • Medidas de estrelas
  • Radio-detección de meteoros

Algo de historia

AstroGalicia volve tralo parón post-pandémico coa súa décima edición, os días 21 e 22 de decembro de 2024. Despois de pasearnos durante as últimas décadas polos concellos de Forcarei, Maceda, Boimorto, San Xoán de Río e Castrelo de Miño, neste edición de 2024 asentarémonos con concello de Arzúa (A Coruña), en pleno Camiño de Santiago.

Patrocinadores