Os seminarios

Os seminarios estás accesibles só para os inscritos en AstroGalicia24. Cunha oferta variada están especialmente destinados para os afeccionados cun nivel medio ou avanzado, onde poderán afondar máis nos seus intereses.

Procesado de imaxes de raios cósmicos mediante IA

Imparte: o Rubén López Coto.

Chamamento urxente para recuperar o ceo

O Plan de Restauración da Unión Europea pode ser a derradeira (que non última) ocasión de loita contra a contaminación luminosa. Neste eido é o tema máis importante que temos entre mans e vai condicionar as próximas dúas décadas.

Da man de Salvador Bará, un dos nosos expertos no problema da contaminación luminosa, recibiremos información de primeira man e, sobre todo, poderemos valorar en que medida podemos loitar para defender o ceo nocturno.

Imparte: o Salva Bará Viñas.

Confía… pero verifica; retos actuais na monitorización da contaminación luminosa

Diversos temas ao noso alcance para o estudo, o control maila minorización da contaminación luminosa. Entre outros temas, tratarase:

  • Medidas de satélite para a CL, complementando coas SQM ou medidas manuais 
  • Diferencias entre medidores
  • Influencia do alumeado público nos medidores
  • Medición de CL con cámaras
  • Aportes científicos
  • Evolución da iluminación Led: presencia do azul e resolución cromática
  • Lexislación de protección do ceo: estado actual e como denunciar o que está mal
  • Retos Starlight: muíños eólicos
  • Protección do ceo nocturno no mar: ata onde chega a iluminación e como evitala.

Imparte: o Salva Bará Viñas.

Observación planetaria, do teu telescopio ás bases de datos, e máis alá

Repasaremos os equipos e técnicas máis importante para nos iniciar na observación planetaria. Recorreremos as propiedades físicas fundamentais dos planetas do sistema solar que poden ser obxectivo do noso telescopio e, sobre todo, aprenderemos a contribuír á PVOL (http://pvol2.ehu.eus/pvol2/), unh1a base de datos internacional de observacións planetarias, e en como facer as nosas propias análises do que ollamos.

Imparte: o Santiago Pérez-Hoyos.

A Caixa da Verdade: estás preparado para combater a Luz?

A contaminación luminosa é un dos maiores obstáculos para a observación astronómica. Neste obradoiro práctico exploraremos como os filtros astronómicos poden axudarte a

combater, ou non, a luz artificial que nos arrodea. Empregaremos a Caixa da Verdade para simular diferentes tipos de contaminación luminosa e probar a eficacia dos filtros en tiempo real. Non todos valen, non todos son o que semellan…

Tes filtros? Tráeos e failles a proba. A ciencia non engana.

Imparte: equipo de AstroHita.

Reflexos de Ciencia: o Test de Foucault para Curiosos

Algunha vez te preguntaches como é a calidade do teu espello? Gustaríache saber como realizar un test de xeito sinxelo e eficaz? Ven coñecer o Test de Foucault, técnica

esencial para avaliar a calidade dos espellos. Ao través dunha demostración práctica,

aprenderás a empregar este instrumento clásico para avaliar a forma do teu espello e comprobar o seu rendemento. Non só iso, aproveitaremos para vializar o invisible…

Imparte: equipo de AstroHita.

Fotometría de estrelas variables desde o OAF

Proxecto de colaboración pro-am (astrónomos profesionais e amadores) de obxectos variables desde o Observatorio Astronómico de Forcarei. Unha colaboración recente na que están a traballar membros da Fundación Ciencia, Ceo e Cultura-FC3 xunto con doutorandos do Instituto de Astrofísica de Andalucía mailo Instituto de Astrofísica de Canarias.

Ana Ulla (UVigo) e Enrique Alonso (FC3)

Comunidade de astronómos/as galegos/as profesionais

Estase a crear unha comunidade de astrónom@s galegos profesionais, coa colaboración de varias entidades como Universidade de Vilnius, UVigo… Tras unha primeira xuntanza o pasado verán, a proposta comeza a se consolidar con idea de que, no futuro, poida encetar tamén iniciativas pro-am.

Imparte: Alejandro Cardesín (ESA)