AstroGalicia25: a festa galega das estrelas

Que é

AstroGalicia é un espazo de lecer e divulgación científica ao redor da astronomía que desde as asociacións de amadores da astronomía do país ofrecemos a toda a poboación. Serve tanto de punto de encontro das asociacións astronómicas galegas como para que xente curiosa e interesada pase uns días de desafío intelectual. Moitas das actividades están abertas a toda a poboación. Outras, as menos, só para os inscritos. Un programa de actividades paralelo aumentará a oferta de actividades e accións.

INSCRÍBETE XA, con desconto na inscrición para socios de entidades colaboradoras e/ou veciños/as de Arzúa (inscrición xeral: 29 €, inscrición con desconto: 20 €. Tamén podes reservar os xantares oficiais dos dous días. Se precisas aloxamento, consúltanos e aconsellámoste.

O programa desta AstroGalicia 2025 definitivo xa está dispoñible.

Para quen

Gustamos de presumir que na AstroGalicia hai espazo para toda persoa que teña un pouco de interese intelectual pola súa contorna. Por iso, hai charlas divulgativas, exposición e observacións astronómicas de balde para todos os públicos. Pero tamén actividades de varias horas de duración para iniciarse ou afondar no coñecemento da astronomía, a astrofotografía, a divulgación astronómica e moitos eidos asociados ás estrelas e ao espazo.

Sexa cal sexa o teu perfil hai unha actividade ao teu gusto se:

  • queres comezar a iniciarte na astronomía
  • es un astrónomo/a afeccionado/a
  • gustas da fotografía e queres saber de astrofotografía
  • fas divulgación e queres coñecer técnicas profesionais
  • es docente e queres incluír estes contidos na aula e coñecer proxectos educativos interesantes
  • tes curiosidade polo mundo que che rodea
  • pertences ou queres pertencer a unha asociación de astrónomos/as amadores/as.

Onde e cando

Lugar: Arzúa (A Coruña), co patrocinio da alcaldía maila concellaría de infancia e mocidade.

Local: Multiúsos Terra do Queixo (charlas, seminarios e obradoiros) e Antiga Casa de Correos (seminarios).

Datas: 20 e 21 de decembro

Inscricións: inscríbete xa con desconto para socios/as de entidades colaboradora ou veciños/as de Arzúa (marcádeo no formulario). Ata o 30 de novembro facilitamos tamén a reserva de aloxamento (2 categorías diferentes) e a asistencia aos xantares. Estamos a recibir materiais promocionais de varias institucións que regalaremos aos inscritos, a medida que vaiades chegando a sé do evento. Poida que algún material non haxa en número abondo para todos/as.

Participantes: ata 100 inscritos no programa oficial de actividades. Varias ducias máis nas actividades abertas. As inscricións poden facerse só para os obradoiros/seminarios ou tamén facer a túa reserva de aloxamento e xantares, coas condicións que se indican.

Relatores: Ana Ulla Miguel, Juan Ángel Vaquerizo, Ricardo Rizzo, Salvador Bará, Martin Pawley…

Charlas: de acceso de balde ata completar capacidade e cun nivel para todos os públicos. Os relatores están investigando en temas de completa actualidade e/ou son excelentes comunicadores.

Obradoiros e seminarios: de acceso só para os inscritos. A escolla poderá facerse no momento da chegada á AstroGaicia, por orde en función de se hai prazas limitadas.

Bolseiro/a: queres asistir de balde e a gastos pagos? Convocamos 2 prazas de bolseiro/a para axudarnos coa organización. Será necesario poder estar xa en Arzúa desde o venres 19 de decembro para a montaxe de todo o necesario, unha reunión previa do equipo en lugar a convir, coñecemento de ferramentas de traballo en liña e a distancia (como Google Docs e similares) e manexo dalgunha rede social para axudar coas comunicacións. Envía un correo a infoARROBAceosgalegos.com e cóntanos algo de ti para valorar mellor, indicando no ASUNTO: Solicitude bolseiro/a para AstroGalicia25.

Algo de historia

AstroGalicia volve coa súa dudécima edición os días 20 e 21 de decembro. No ano 2024 retomamos o proxecto en Arzúa (A Coruña). Anteriormente xa paseáramos nas últimas décadas polos concellos de Forcarei, Maceda, Boimorto, San Xoán de Río e Castrelo de Miño.

Patrocinadores