Ceos Galegos 2020

Regras xerais

  1. O feito de participar neste concurso implica a aceptación destas bases e das resolucións que ante as posibles consultas estableza a organización. Calquera consulta ou conflito sobre o concurso será resolto polos organizadores. As súas resolucións serán inapelables.
  2. Pode participar calquera fotógrafo/a profesional, afeccionado ou ocasional. No caso de ser menor de idade deberá contar con autorización de adulto responsable.
  3. As imaxes que participen teñen que ser feitas cos pés en territorio galego e con data posterior a 1 de decembro de 2019 e anterior ao 5 de xaneiro de 2021.
  4. As imaxes non poderán ter participado no concurso “Cometa NEOWISE” que convocamos no verán nin poden ter sido premiadas noutros concursos, independentemente da entidade convocante.
  5. A temática das imaxes poderá ser calquera relacionada cos obxectivos deste proxecto e deberán enmarcarse nalgunha das categorías existentes.
  6. As imaxes terán que respectar as mesmas condicións que as outras que se publiquen na web www.ceosgalegos.com.
  7. As imaxes terán que ser enviadas exclusivamente mediante o formulario do concurso. O/A autor/a deberá escoller a categoría que máis se adapte á súa imaxe. En todo caso, a organización poderá cambiar algunha imaxe de categoría se estima que é máis acaída. Prégase que leven nomes de arquivo significativos. Agás para a categoría “time-lapse” que será preciso empregar o correo fotos@ceosgalegos.com ou mediante acceso a arquivo na nube.
  8. As imaxes poderán ser nunha soa toma ou combinación de varias tomas. Neste último caso a posición de disparo deberá ser a mesma, non admitíndose composicións con elementos non existentes no lugar nin efectos de lightpainting.
  9. O/A autor/a cede os dereitos de reprodución de imaxe para ser publicado nesta web, posibles accións promocionais do concurso ou prensa. Tamén se estenderá a autorización á publicación individual da imaxe na páxina, con texto didáctico explicativo da mesma. En calquera caso anterior o/a autor/a recibirá sempre os créditos oportunos e manterá en todo momento a propiedade da imaxe.
  10. No caso de enviar imaxes con marca de auga ou sinatura esta deberá ocupar un espazo pequeno, no bordo e sen que afecte a ningún elemento singular da imaxe.
  11. Os arquivos enviados deberán ser dunha calidade mínima de 1024 x 768 píxeles ou similar. Pero o/a autor/a deberá conservar os orixinais (preferiblemente RAW) para posibles consultas posteriores, especialmente os datos EXIF do arquivo orixinal.
  12. No formulario haberá que describir: medios técnicos empregados para realizar a foto, o procesado informático (de habelo), os elementos que se ven na foto, o lugar no que se tomou (imprescindible indicar sempre parroquia e concello), a data e a hora (aproximada no caso de varias imaxes para as panorámicas).
  13. O prazo de recepción pecharase o 28 de febreiro ás 23:30 horas.
  14. Cada autor/a poderá enviar un máximo de 5 imaxes de 2 categoría diferentes. No caso de colaboradores deste proxecto que enviaran máis de 2 imaxes durante este ano para seren publicadas no proxecto Ceos Galegos poderán enviar ata 10 imaxes adicionais sen límite de categorías. De teren algunha imaxe publicada en #CeosGalegos21 a súa presentación non contará para os límites anteriores.
  15. O xurado poderá consultar cos autores as circunstancias concretas dalgunha imaxe no caso de que haxa dúbidas sobre a súa realización.
  16. Os premios do xurado:
    1. Haberá un total de corenta e dous premios, tres por categoría: primeiro, segundo e terceiro. A maiores poderá haber algunha mención especial (mención especial ao criterio do xurado e da organización) e áccesit á mellor FotoMóbil  en cada categoría.
    2. O xurado poderá declarar algún premio deserto.
    3. Os autores finalistas (os tres primeiros clasificados) serán informados de xeito confidencial.
    4. Dos premios será descontado a correspondente retención de IRPF ou aquela que legalmente corresponda, de ser o caso. Para iso, pedirase os datos fiscais aos premiados.
    5. A decisión do xurado será inapelable.
  17. Os premios do público:
    1. Primeiro, segundo e terceiro de cada categoría.
    2. Os usuarios deberán rexistrarse na web para emitir o seu voto.
    3. Os/as autores/as poderán facer campaña para promover o voto polas súas imaxes.
    4. Só se admitirán votos de usuarios rexistrados con correos electrónicos válidos.
    5. Todos os usuarios rexistrados pasarán automaticamente a estares suscritos á nosa newsletter.
    6. No caso de emprego de bots para o voto, campañas de voto-bombing ou similares os votos emitidos serán eliminados e os rececptores descualificados.
    7. Na categoría “time-lapse” serán publicados na canle propia do proxecto e a escolla será por número de “likes”.
  18. Os premios será entregado durante a gala Ceos Galegos 2020 en data por determinar da primavera no Parque Náutico de Castrelo (Castrelo de Miño, Ourense). Será obrigatoria a asistencia a esta gala en persoa ou por delegación dos nominados/as. De non celebrarse gala os premios serán enviados pola organización ao domicilio do premiado. A invitación á gala será por persoa premiada e un acompañante, sen que se poidan amorear varias invitacións no caso de varios premios. No caso de recibir varios premios, a persoa premiada non poderá amorear varios vales-compra, polo que recibirá o de maior valor.
  19. Todos os participantes serán suscritores da "newsletter Ceos Galegos", puidendo darse de baixa en todo momento.
  20. Os votantes rexistrados para a votación do público entrarán nun sorteo de 5 lotes de produtos, ademais do referido no punto anterior.

Categorías

  1. Paisaxes celestes. Fotografías de paisaxes naturais nos que o ceo nocturno teña unha presenza destacada. Imaxes que inclúan horizonte terrestre ou marítimo, elementos naturais, xeolóxicos ou accidentes xeográficos. Non pode haber ningún elemento artificial nin persoas de xeito destacado. No caso de habelos han de ter unha presenza secundaria.
  2. Xente e ceo. Fotografías do ceo nocturno que inclúan xente ou elementos que amosen a presenza ou influencia do ser humano. Imaxes nas que apareza unha ou varias persoas ou elementos de natureza humana. Imaxes evocadoras ou motivadoras sobre calquera idea ou concepto relacionado co ceo, a astronomía ou as ciencias do espazo.
  3. Sistema solar. Fotografías do Sol (incluíndo eclipses e tránsitos), da Lúa (incluíndo eclipses e ocultacións de estrelas ou planetas), conxuncións, planetas, cometas, asteroides e outros astros achegados ou obxectos interestelares.
  4. Con telescopio. Obxectos de espazo fondo accesibles só mediante telescopio ou teleobxectivo. Pertencentes á nosa galaxia: estrelas, cúmulos, restos de supernova e outros fenómenos galácticos ou máis alá da nosa Vía Láctea, incluíndo galaxias, cúmulos galácticos, choques galácticos…
  5. MeteoFoto. Nubes, nubes nacaradas ou noctilucentes, halos, meteoros, bólidos e outros fenómenos da atmosfera, tanto superior coma inferior. Tormentas, lóstregos, arcos da vella e demais fenómenos naturais. Unha mostra dos temas que entran nesta categoría son os recollidos na web https://atoptics.co.uk/
  6. DivulgAcción á imaxe máis didáctica ou creativa: imaxes que expliquen conceptos, composicións para comprender fenómenos astronómicos, imaxes con persoas facendo figuras ou transmitindo ideas evocadoras… a imaxinación é o límite (agás lightpainting).
  7. Time-lapse ou vídeo-secuencia. Vídeos creados a partires de combinar imaxes fixas. Poden levar música acompañante, subtítulos ou simplemente amosar a fermosura do ceo. En todo caso, ben nos créditos ou ben en cada fotograma terá que figurar o lugar de cada unha das imaxes, para que non haxa dúbidas de que corresponden a Ceos Galegos. Os vídeos deberán ter unha duración mínima de un 30 segundos. No caso de empregar imaxes, textos ou música doutros autores deberán constar nos créditos. As músicas deberán contar coa licenza de uso e/ou especificar esa licenza nos créditos.

Premios

Premios do xurado para cada unha das cinco categorías.

  • Primeiro premio do xurado:
    • Premio en metálico: 100 euros. Agás a categoría Divulgacción que levará 150 euros.
    • Diploma acreditativo.
    • Xantar para 2 persoas no Parque Náutico de Castrelo o día da gala.
    • Lote de libros cortesía Alvarellos, Aira Editorial, Hugin-Mugin, Sacaúntos, Consello da Cultura Galega e Librarías Punto e Coma.
    • Peza de queixo da D. O. Arzúa-Ulloa e botella de Viño da D. O. Ribeiro.
  • Segundo premio do xurado:
    • Diploma acreditativo.
    • Xantar para 2 persoas no Parque Náutico de Castrelo o día da gala.
    • Vale-compra na nosa tenda en liña por valor de 50 €.
    • Lote de libros cortesía Alvarellos, Aira Editorial, Hugin-Mugin, Sacaúntos, Consello da Cultura Galega e Librarías Punto e Coma.
    • Peza de queixo da D. O. Arzúa-Ulloa.
  • Terceiro premio do xurado:
    • Diploma acreditativo.
    • Xantar para 2 persoas no Parque Náutico de Castrelo o día da gala.
    • Vale-compra na nosa tenda en liña por valor de 30 €.
  • Áccesit-FotoMóbil:
    • Diploma acreditativo.
    • Vale-compra na nosa tenda en liña por valor de 39 €.

Premios do público (ás imaxes máis votadas na web) para cada unha das cinco categorías.

  • Primeiro premio do público:
    • Lote de produtos por determinar.
    • Diploma acreditativo.
    • Xantar para 2 persoas no Parque Náutico de Castrelo o día da gala.
    • Vale de compra na nosa tenda en liña de 39 €.
  • Segundo e terceiro premio do público:
    • Diploma acreditativo.
    • Vale de compra na nosa tenda en liña de 29 €.

No caso de que por seguridade non se realice a gala de entrega de premios quedará anulado o xantar para 2 persoas sen opción a ser compensado de ningún xeito.

Patrocinios

Este concurso non sería posible sen a colaboración das seguintes entidades:

O Xurado

O xurado estará formado por persoas de prestixio da astronomía, da fotografía e/ou integrantes das entidades organizadoras.

  • Ángel Gómez Roldán; astrofísico e director de AstronomíA Magazine.
  • Fernando Cabrerizo; astrofotógrafo e vicepresidente da Federación de Asociaciones de Astronomía de España.
  • Rubén Díez Lázaro; astrónomo amador e vicepresidente do Clube Vega.
  • Leonor Ana Hernández; astronómada, Fundación AstroHita.
  • Jorge Arranz; astrónomo amador e planetarista do MUNCYT de Alcobendas.
  • David Filgueira; presidente da Asociación Astronómica Sirio de Pontevedra.
  • Francisco Novoa; presidente da Agrupación Astronómica Rías Baixas.
  • Leonor Parcero; presidenta da Asociación Galega de Comunicación de Cultura Científica e Tecnolóxica.
  • Ana Ulla Miguel: astrónoma e profesora titular na Universidade de Vigo.
  • Miguelanxo Carvalho: deseñador gráfico e editor da versión impresa de #CeosGalegos.
  • Carlos F. Balseiro: meteorólogo, co-fundador de 4Gotas.