Sorteo entre votantes
Normas da votación popular
Para votar como público ás mellores imaxes só tes que te crear unha conta na nosa web. Mesmo no módulo do concurso tes as instrucións. Se xa estás rexistrado doutros anos e non lembras o contrasinal tamén podes recuperalo. Entre todos os votantes faremos varios sorteos ao longo do mes de marzo de 2022, creando lotes con materiais dos nosos patrocinadores. Estes sorteos serán anunciados nas nosas redes sociais e, os premiados, contactados por correo electrónico.
As condicións da votación son:
- Hai que estar rexistrado na web de Ceos Galegos para poder votar.
- Podes votar por todas as imaxes que queiras. Só tes que premer o botón do corazón.
- Só podes crear unha conta por persoa para a votación. Os votos da mesma persoa con contas diferentes serán anulados.
- No rexistro haberá que incluír un correo electrónico válido. Serán anulados os votos realidos por usuarios con correos electrónicos inventados.
- Os/As autores/as das imaxes poderán facer promoción para que os seus seguidores voten as súas imaxes, dun xeito respectuoso e en positivo.
- Non se permiten campañas de vote-bombing, nin o emprego de bots de rexistro e votación. De se detectaren serán eliminados eses votos e os autores/as beneficiados/as, de se demostrar que están implicados, descualificados.
- Todos os votantes recibirán a nosa newsletter informativa de balde (poderán anular a suscrición en calquera momento).
- A categoría "time-lapse" poderá votarse na canle de YouTube de Ceos Galegos.
- As tres imaxes que reciban máis votos da súa categoría recibirán os premios indicados nas normas do concurso (abaixo). Xunto cos premios do xurado, serán comunicados oficialmente durante a gala presencial a celebrar no mes de abril.
Normas do sorteo
Entre todos os votos emitidos sortearemos varios lotes de produtos provenientes dos nosos patrocinadores. Estas serán as normas do sorteo:
- Cada voto emitido ten un número único ou ID. Ese será o número que se empregará nos sorteos. Nun listado privado almacenaremos a relación entre número de voto e votante.
- Realizaremos un total de 5 sorteos ao longo do mes de votacións. Para cada sorteo incluiranse nun xerador de números aleatorios (o da web http://www.generarnumerosaleatorios.com/) todos os números, escollendo o número premiado e 4 números máis de reserva. Cada sorteo será transmitido en directo polas nosas redes sociais.
- En cada sorteo incluiranse todos os números de votos válidos habidos ata ese momento, desde o comezo do concurso.
- Se o número de voto premiado corresponde a unha persoa que xa fose premiada non se terá en conta e pasará ao número premiado seguinte.
- O/a premiado/a será contactada por correo electrónico para tramitar o envío do seu lote de regalo. Se non confirma o correo antes de 3 días naturais o premio pasará á seguinte persoa da lista de reserva. Non se divulgará a identidade completa do premiado, pero agradecerase o envío dalgunha foto do lote de regalo unha vez recibido na casa para divulgalo en redes sociais.
- Só se realizarán envíos de lotes de regalo a territorio peninsular.
- Os lotes conterán algúns libros de Museos Científicos Coruñeses, Editorial Hugin e Mugin, Aira Editorial, Urco Editora, material divulgativo da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío e material do proxecto #CeosGalegos (edición de #CeosGalegos22, #AstroBolachas, #AstroPostais). Os lotes poden ser diferentes e en ningún caso poderán substituírse por outro material ni canxearse polo seu valor econonómico.
- Para velar pola limpeza do proceso contaremos con dous "albaceas" que terán acceso ás listaxes de votos, votantes e procedemento de xeración de números aleatorios.
Concurso de imaxes
Categorías
As categorías principais descrébense de seguido. No caso de que na mesma imaxe aparezan elementos que permitan clasificala en varias categorías optarase pola clasificación do elemento principal. En todo caso, todas serán revisadas pola organización antes da súa aprobación.
- Paisaxes celestes. Fotografías de paisaxes naturais nos que o ceo nocturno teña unha presenza destacada. Imaxes que inclúan horizonte terrestre ou marítimo, elementos naturais, xeolóxicos ou accidentes xeográficos. Non pode haber ningún elemento artificial nin persoas de xeito destacado. No caso de habelos han de ter unha presenza secundaria.
- Xente e ceo. Fotografías do ceo nocturno que inclúan xente ou elementos que amosen a presenza ou influencia do ser humano. Imaxes nas que apareza unha ou varias persoas ou elementos de natureza humana (faros, edificios, cidades, ruínas, estradas...). Imaxes evocadoras ou motivadoras sobre calquera idea ou concepto relacionado co ceo, a astronomía ou as ciencias do espazo.
- Sistema solar. Fotografías do Sol (incluíndo eclipses e tránsitos), da Lúa (incluíndo eclipses e ocultacións de estrelas ou planetas), conxuncións, planetas, cometas, asteroides e outros astros achegados ou obxectos interestelares.
- Con telescopio. Obxectos de espazo fondo accesibles só mediante telescopio ou teleobxectivo. Pertencentes á nosa galaxia: estrelas, cúmulos, restos de supernova e outros fenómenos galácticos ou máis alá da nosa Vía Láctea, incluíndo galaxias, cúmulos galácticos, choques galácticos…
- MeteoFoto. Nubes, nubes nacaradas ou noctilucentes, halos, meteoros, bólidos e outros fenómenos da atmosfera, tanto superior coma inferior. Tormentas, lóstregos, arcos da vella e demais fenómenos naturais. Unha mostra dos temas que entran nesta categoría son os recollidos na web https://atoptics.co.uk/
- DivulgAcción á imaxe máis didáctica ou creativa: imaxes que expliquen conceptos, composicións para comprender fenómenos astronómicos, imaxes con persoas facendo figuras ou transmitindo ideas evocadoras, imaxes etiquetadas ou con gráficos sobreimpresos… a imaxinación é o límite (agás lightpainting).
- Time-lapse ou vídeo-secuencia. Vídeos creados a partires de combinar imaxes fixas. Poden levar música acompañante, subtítulos ou simplemente amosar a fermosura do ceo. En todo caso, ben nos créditos ou ben en cada fotograma terá que figurar o lugar de cada unha das imaxes, para que non haxa dúbidas de que corresponden a Ceos Galegos. Os vídeos deberán ter unha duración mínima de un 30 segundos. No caso de empregar imaxes, textos ou música doutros autores deberán constar nos créditos. As músicas deberán contar coa licenza de uso e/ou especificar esa licenza nos créditos.
Regras xerais
- O feito de participar neste concurso implica a aceptación destas bases e das resolucións que ante as posibles consultas estableza a organización. Calquera consulta ou conflito sobre o concurso será resolto polos organizadores. As súas resolucións serán inapelables.
- Pode participar calquera fotógrafo/a profesional, afeccionado ou ocasional. No caso de ser menor de idade deberá contar con autorización de adulto responsable.
- As imaxes que participen teñen que ser feitas cos pés en territorio galego e con data posterior a 1 de xaneiro de 2021 e anterior ao 31 de decembro de 2021.
- As imaxes non poderán ter participado en concurso anteriores de Ceos Galegos nin poden ter sido premiadas noutros concursos, independentemente da entidade convocante.
- A temática das imaxes poderá ser calquera relacionada cos obxectivos deste proxecto e deberán enmarcarse nalgunha das categorías existentes.
- As imaxes terán que respectar as mesmas condicións que as outras que se publiquen na web www.ceosgalegos.com.
- As imaxes terán que ser enviadas exclusivamente mediante o formulario do concurso. O/A autor/a deberá escoller a categoría que máis se adapte á súa imaxe. En todo caso, a organización poderá cambiar algunha imaxe de categoría se estima que é máis acaída. Prégase que leven nomes de arquivo significativos. Agás para a categoría “time-lapse” que será preciso empregar o correo fotos@ceosgalegos.com ou mediante acceso a arquivo na nube.
- As imaxes poderán ser nunha soa toma ou combinación de varias tomas. Neste último caso a posición de disparo deberá ser a mesma, non admitíndose composicións con elementos non existentes no lugar nin efectos de lightpainting.
- O/A autor/a cede os dereitos de reprodución de imaxe para ser publicado nesta web, posibles accións promocionais do concurso ou prensa. Tamén se estenderá a autorización á publicación individual da imaxe na páxina, con texto didáctico explicativo da mesma. En calquera caso anterior o/a autor/a recibirá sempre os créditos oportunos e manterá en todo momento a propiedade da imaxe.
- No caso de enviar imaxes con marca de auga ou sinatura esta deberá ocupar un espazo pequeno, no bordo e sen que afecte a ningún elemento singular da imaxe.
- Os arquivos enviados deberán ser dunha calidade mínima de 1024 x 768 píxeles ou similar. Pero o/a autor/a deberá conservar os orixinais (preferiblemente RAW) para posibles consultas posteriores, especialmente os datos EXIF do arquivo orixinal.
- No formulario haberá que describir: medios técnicos empregados para realizar a foto, o procesado informático (de habelo), os elementos que se ven na foto, o lugar no que se tomou (imprescindible indicar sempre parroquia e concello), a data e a hora (aproximada no caso de varias imaxes para as panorámicas).
- O prazo de recepción pecharase o 7 de marzo ás 23:30 horas (ampliado desde o 27 de febreiro ás 23:30 horas). Todas as imaxes terán que ser aprobadas individualmente pola organización antes de se faceren públicas.
- Cada autor/a poderá enviar un máximo de 5 imaxes de 3 categorías diferentes. No caso de colaboradores deste proxecto que enviaran máis de 2 imaxes durante este ano para seren publicadas no proxecto Ceos Galegos poderán enviar ata 5 imaxes adicionais sen límite de categorías. A maiores poderán publicar imaxes que aparezan no calendario anual #CeosGalegos22.
- O xurado poderá consultar cos autores as circunstancias concretas dalgunha imaxe no caso de que haxa dúbidas sobre a súa realización.
- Os premios do xurado:
- Haberá un total de corenta e dous premios, tres por categoría: primeiro, segundo e terceiro. A maiores poderá haber algunha mención especial (mención especial ao criterio do xurado e da organización) e áccesit á mellor FotoMóbil en cada categoría.
- O xurado poderá declarar algún premio deserto.
- Os autores finalistas (os tres primeiros clasificados) serán informados de xeito confidencial.
- Dos premios será descontado a correspondente retención de IRPF ou aquela que legalmente corresponda, de ser o caso. Para iso, pedirase os datos fiscais aos premiados.
- A decisión do xurado será inapelable.
- Os premios do público:
- Primeiro, segundo e terceiro de cada categoría.
- Os usuarios deberán rexistrarse na web para emitir o seu voto.
- Os/as autores/as poderán facer campaña para promover o voto polas súas imaxes.
- Só se admitirán votos de usuarios rexistrados con correos electrónicos válidos.
- Todos os usuarios rexistrados pasarán automaticamente a estaren suscritos á nosa newsletter.
- No caso de emprego de bots para o voto, campañas de voto-bombing ou similares os votos emitidos serán eliminados e os receptores descualificados.
- Na categoría “time-lapse” serán publicados na canle propia do proxecto e a escolla será por número de “likes”.
- Os premios será entregado durante a gala Ceos Galegos 2021 en data por determinar da primavera (preferentemente ao redor do equinoccio, o 20 ou o 27 de marzo, en función das condicións meteorolóxicos e posibles restricións) no Parque Náutico de Castrelo (Castrelo de Miño, Ourense). Será obrigatoria a asistencia a esta gala en persoa ou por delegación do/a nominado/a. De non celebrarse gala os premios serán enviados pola organización ao domicilio do premiado. A invitación á gala será por persoa premiada e un acompañante, sen que se poidan amorear varias invitacións no caso de varios premios. No caso de recibir varios premios, a persoa premiada non poderá amorear varios vales-compra, polo que recibirá o de maior valor. En caso de non asistir a organización resérvase a posibilidade de enviar ao seu enderezo só o diploma.
- Todos os participantes serán suscritores da "newsletter Ceos Galegos", puidendo darse de baixa en todo momento.
- Os votantes rexistrados para a votación do público entrarán nun sorteo de 5 lotes de produtos, ademais do referido no punto anterior.
Premios
Premios do xurado para cada unha das categorías (poderán sufrir pequenos cambios en función da incorporación de novos patrocinadores):
- Primeiro premio do xurado:
- Premio en metálico: 90 euros.
- Diploma acreditativo.
- Xantar para 2 persoas no Parque Náutico de Castrelo o día da gala.
- Lote de libros e outros produtos que serán comunicados nas redes sociais.
- Segundo premio do xurado:
- Diploma acreditativo.
- Xantar para 2 persoas no Parque Náutico de Castrelo o día da gala.
- Vale-compra na nosa tenda en liña por valor de 30 €.
- Lote de libros e outros produtos que serán comunicados nas redes sociais.
- Terceiro premio do xurado:
- Diploma acreditativo.
- Xantar para 2 persoas no Parque Náutico de Castrelo o día da gala.
- Vale-compra na nosa tenda en liña por valor de 20 €.
- Áccesit-FotoMóbil:
- Diploma acreditativo.
- Vale-compra na nosa tenda en liña por valor de 19 €.
Premios do público (ás imaxes máis votadas na web) para cada unha das cinco categorías.
- Primeiro premio do público:
- Lote de produtos por determinar.
- Diploma acreditativo.
- Xantar para 2 persoas no Parque Náutico de Castrelo o día da gala.
- Vale de compra na nosa tenda en liña de 29 €.
- Segundo e terceiro premios do público:
- Diploma acreditativo.
- Vale de compra na nosa tenda en liña de 19 €.
No caso de que por seguridade non se realice a gala de entrega de premios quedará anulado o xantar para 2 persoas sen opción a ser compensado de ningún xeito.
Patrocinios
Este concurso non sería posible sen a colaboración das seguintes entidades:
- Asociación Astronómica Sirio de Pontevedra
- Agrupación Astronómica Coruñesa Ío
- Agrupación Astronómica Rías Baixas
- Clube Vega
- Divulgacción - Asociación Galega de Comunicación de Cultura Científica e Tecnolóxica.
- AstroVigo.
- Museos Científicos Coruñeses
- Parque Náutico de Castrelo, restaurante-cafetaría.
- Editorial Hugin e Mugin
- Alvarellos Editora
- Aira Editorial
- ...
O Xurado
O xurado estará formado por persoas de prestixio da astronomía, da fotografía e/ou integrantes das entidades organizadoras. Anunciarase a comezos de febreiro.
- Ángel Gómez Roldán; astrofísico e director de AstronomíA Magazine.
- Fernando Cabrerizo; astrofotógrafo e vicepresidente da Federación de Asociaciones de Astronomía de España.
- Leonor Ana Hernández; astronómada, Fundación AstroHita.
- Jorge Arranz; astrónomo amador e planetarista do MUNCYT de Alcobendas.
- Miguelanxo Carvalho: deseñador gráfico e editor da versión impresa de #CeosGalegos.
- Miguel Ángel Cagigal "el barroquista"; historiador da arte e divulgador.
- Minia Manteiga, catedrática de astrofísica da Universidade da Coruña.
- Jorge Mira, catedrático de física aplicada da Universidade de Santiago de Compostela.
- Javier Veleiro, do Clube Vega.
- Susana Bayo Besteiro, meteoróloga e investigadora no Ephsylab.
- Martin Pawley, divulgador astronómico e crítico de cine.
- Xabier Pérez Couto, divulgador astronómico.
- Socios/as de Divulgacción para a imaxe didáctica/creativa (Manuel Rey, Iolanda Casal, Elena Vázquez Abal e Alberto Cifuentes).