CeosGalegos19: regras do concurso

Estas son as regras do concurso de imaxes dos Ceos Galegos convocatoria do ano 2019.

  • O feito de participares neste concurso implica a aceptación destas bases e das resolucións que ante as posibles consultas estableza a organización.
  • As imaxes que participen teñen que ser feitas cos pés en territorio galego e con data posterior a 1 de decembro de 2018.
  • Pode participar calquera fotógrafo/a profesional, afeccionado ou ocasional. No caso de ser menor de idade deberá contar con autorización de adulto responsable.
  • A temática das imaxes poderá ser calquera relacionada cos obxectivos deste proxecto e deberán enmarcarse nalgunha das categorías existentes
  • As imaxes terán que ser enviadas exclusivamente mediante o formulario do concurso. O/A autor/a deberá escoller a categoría que máis se adapte á súa imaxe. En todo caso, a organización poderá cambiar algunha imaxe de categoría se estima que é máis acaída. Só no caso de algún problema co módulo de subida de imaxes aceptarase recibir estas por correo electrónico (info @ ceosgalegos.com).
  • As imaxes terán que respectar as mesmas condicións que as outras que se publiquen na web www.ceosgalegos.com.
  • O/A autor/a cede os dereitos de reprodución de imaxe para ser publicado nesta web e posibles accións promocionais do concurso. Tamén se estenderá a autorización á publicación individual da imaxe na páxina, con texto didáctico explicativo da mesma. En todo caso, o/a autor/a da imaxe recibirá sempre os créditos oportunos e manterá en todo momento a propiedade e autoría intelectual da imaxe.
  • No caso de enviar imaxes con marca de auga ou sinatura esta deberá ocupar un espazo pequeno, nunha esquina e sen que afecte a ningún elemento  singular da imaxe.
  • Os arquivos enviados deberán ser dunha calidade mínima de 1024 x 768 píxeles ou similar. O/A autor/a deberá conservar os orixinais (preferiblemente RAW) para posibles consultas posteriores, especialmente os datos EXIF do arquivo orixinal.
  • No formulario haberá que describir: medios técnicos empregados para realizar a foto, o procesado informático (de habelo), os elementos que se ven na foto, o lugar no que se tomou (imprescindible indicar sempre parroquia e concello), a data e a hora (aproximada no caso de varias imaxes para as panorámicas).
  • O prazo de recepción pecharase o 22 de decembro 15 de decembro ás 23:30 horas.
  • Cada autor/a poderá enviar un máximo de 5 imaxes. No caso de colaboradores deste proxecto que xa teñan imaxes publicadas durante este ano poderán enviar ata 5 imaxes adicionais.
  • Non é preciso o envío de primicias ou inéditos. As imaxes poden ter sido publicadas ou difundidas noutros medios, pero non premiadas noutros concursos.
  • O xurado poderá consultar cos autores as circunstancias concretas dalgunha imaxe no caso de que haxa dúbidas sobre a súa realización.
  • Calquera comunicación directa sobre a marcha do concurso que realice o participante con calquera membro do xurado por iniciativa propia implicará a inmediata descalificación do concurso.
  • Haberá un total de trinta premios, seis por categoría:
    • Premio do xurado, con primeiro, segundo e terceiro clasificados para cada categoría.
    • Premio do público, con primeiro, segundo e terceiro clasificados para cada categoría.
    • Mencións especiais: queda ao criterio do xurado e da organización a entrega dalgunha mención especial se así o estima oportuno o xurado. Estas mencións terán diploma.
  • O xurado poderá declarar algún premio deserto.
  • Os autores finalistas (os tres primeiros clasificados) serán informados de xeito confidencial. O resultado final coñecerase durante a gala de entrega de premios que terá unha asistencia obrigatoria ou por delegación dos nominados/as.
  • O premio do público será a partires de votación realizada na web www.ceosgalegos.com. Entre os votantes rexistrados sortearase varias edicións de Ceos Galegos 2019 autografadas polos seus autores e unha invitación ao xantar do día da gala para 2 persoas. Sortearanse varios lotes.
  • Dos premios será descontado a correspondente retención de IRPF ou aquela que legalmente corresponda, de ser o caso. Para iso, pedirase os datos fiscais aos premiados.
  • A decisión do xurado será inapelable.
  • Os premios será entregado durante a gala Ceos Galegos 2019 o 19 de xaneiro de 2020 no Parque Náutico de Castrelo (Castrelo de Miño, Ourense). A data é susceptible de cambio por necesidades da instalación que o aconsellen.
  • Calquera consulta ou conflito sobre o concurso será resolto polos organizadores. As súas resolucións serán inapelables.

Categorías

Paisaxes celestes

Fotografías de paisaxes, mariñas ou perfís urbanos nos que o ceo nocturno ou o solpor teña unha presenza destacada. Imaxes que inclúan horizonte terrestre ou marítimo, elementos naturais, xeolóxicos ou accidentes xeográficos.

Xente e ceo

Fotografías do ceo nocturno que inclúan xente ou elementos que amosen a presenza ou influencia do ser humano. Imaxes nas que apareza unha ou varias persoas ou elementos de natureza humana. Imaxes evocadoras ou motivadoras sobre calquera idea ou concepto relacionado co ceo, a astronomía ou as ciencias do espazo.

Sistema solar

Fotografías do Sol (incluíndo eclipses e tránsitos), da Lúa (incluíndo eclipses e ocultacións de estrelas ou planetas), de planetas, cometas, asteroides e outros astros achegados.

Con telescopio

Obxectos de espazo fondo accesibles só mediante telescopio ou teleobxectivo. Inclúense obxectos da nosa Vía Láctea: estrelas, cúmulos, restos de supernova e outros fenómenos galácticos. Fotografía de obxectos do espazo fondo máis alá da nosa Vía Láctea, incluíndo galaxias, cúmulos galácticos, choques galácticos…

MeteoFoto

Nubes, nubes nacaradas ou noctilucentes, halos, meteoros e outros fenómenos da atmosfera, tanto superior coma inferior. Tormentas, lóstregos, arcos da vella e demais fenómenos naturais. Unha mostra dos temas que entran nesta categoría son os recollidos na web https://atoptics.co.uk/