Comenta Neowise 2020

Aínda non se enviou ningunha foto para o concurso. Podes ser o/a primeiro/a!

Xeral

Concurso para as imaxes que conteñan ao cometa NEOWISE 2020 f/3 realizadas desde o país, como todas as imaxes de Ceos Galegos. Haberá unha votación do público e outra do xurado para as mellores imaxes en cada categoría. Estas son as condicións.

As categorías

A definición das categorías é subxectiva, por suposto. Pero pensamos que recolle bastante ben a variedade e temáticas das imaxes. Se non concordas coa categoría asignada á túa imaxe consúltanos, por favor. Explicarémosche a nosa escolla e cambiaremos a categoría se vemos que outra é máis acaída

  • Paisaxes natural: o cometa sobre unha paixase de montaña, mariña, praia ou contorno rural. Imaxes que inclúan horizonte terrestre ou marítimo, elementos naturais, xeolóxicos ou accidentes xeográficos.
  • Paisaxe urbana: o cometa sobre cidade e/ou vilas, preferentemente recoñecibles. Ou o cometa sobre edificios que teñan certo protagonismo na imaxe.
  • Patrimonio: un caso particular dos anteriores, cando o elemento terrestre que se vexa na imaxe pertenza ao patrimonio construído polos nosos antergos. Así, o cometas sobre unha igrexa, castro ou monumento de calquera tipo.
  • No ceo (con telescopio): o cometa en primeiro plano co máximo nivel de detalle, sen elementos terrestres que distraian a atención.
  • Didáctica/creación: imaxes e/ou vídeos didácticos sobre o cometa. Ben por estar etiquetados, ben por conter algún elemento inspirador ou creativo en primeiro plano, persoas, posturas...

Votación do público

  • Para votar como púbico é necesario rexistrarse no sistema como usuario. O rexistro é de balde. Imprescindible que apareza o correo electrónico.
  • O público pode votar tantas imaxes como queira en todas as categorías. Pero só poderá votar unha vez por cada imaxe.
  • O prazo de votación do público comeza o 30 de xullo e rematará o 15 9 de agosto ás 24:00 horas.
  • Entre todos os votantes do público sortearemos 3 lotes de produtos co seguinte contido:
    • Un exemplar de #CeosGalegos20 #GalicianSkies20, con todas as imaxes autografadas polos seus autores (agás un) e adicado polo editor do proxecto.
    • Un exemplar de "A que altura está o ceo?", de Jorge Mira, adicado polo autor. Cortesía de Editorial Albarellos.
    • Un lote de #AstroBolachas, cortesía da cociña do Náutico de Castrelo.
    • Un CD de música de MCarballo.
    • Un exemplar de #CeosGalegos19 e #CeosGalegos18, para que teñas a colección completa.
  • De xeito adicional, sortearemos outros 2 lotes co seguinte contido:
    • Un exemplar de #CeosGalegos20 #GalicianSkies20 con adicatoria do editor do proxecto.
    • Un lote de #AstroBolachas, cortesía da cociña do Náutico de Castrelo.
    • CD "Derradeira saudade na lúa lánguida", música de Xerión con exemplar do libro Contos Estraños Vol. 3.
    • Un exemplar de  #CeosGalegos19 e #CeosGalegos18, para que teñas a colección completa.
  • Para participar no sorteo empregarase o nome de usuario empregado para a votación. O sorteo será transmitido en directo en Tw en día e hora que se comunicará cunha antelación de 48 horas no noso perfil @CeosGalegos. Os gañadores recibirán un correo electrónico ao enderezo empregado no rexistro que terán que contestar antes de 48 horas. En caso contrario, perderán o dereito ao premio.
  • Todo o proceso será supervisado por Manuel Vicente (programa Efervesciencia da Radio Galega) e X. Dosi Veiga (editor de Ceos Galegos e secretario dos premios do xurado).
  • O sistema ten protección de voto por IP. Non se permite que a mesma persoa vote con contas de usuario diferentes. De detectarse serán anulados.
  • Non se permitirá o uso de contas de correo falsas. No caso de detectar anomalías en favor de algún/ha autor/a este poderá ser descalificado.
  • Os/As autores/as poden votar polas súas propias imaxes e poderán facer campañas de promoción do voto.
  • Os envíos dos premios serán por servizo de mensaxería, polo que se solicitará enderezo físico. Só se enviarán á Península Ibérica.

As regras

O feito de participares neste concurso implica a aceptación destas bases e das resolucións que ante as posibles consultas estableza a organización.

  • As imaxes que participen teñen que ser feitas cos pés en territorio galego.
  • As imaxes han de conter o cometa NEOWISE c/2020 f/3.
  • Pode participar calquera fotógrafo/a profesional, afeccionado ou ocasional. No caso de ser menor de idade deberá contar con autorización de adulto responsable.
  • A temática das imaxes poderá ser calquera relacionada cos obxectivos deste proxecto e deberán enmarcarse nalgunha das categorías existentes.
  • As imaxes terán que ser enviadas exclusivamente mediante o formulario xeral da web ou ao correo fotos@ceosgalegos.com. O/A autor/a deberá escoller a categoría que máis se adapte á súa imaxe. En todo caso, a organización poderá cambiar algunha imaxe de categoría se estima que é máis acaída.
  • As imaxes terán que respectar as mesmas condicións que as outras que se publiquen na web www.ceosgalegos.com.
  • O/A autor/a cede os dereitos de reprodución de imaxe para ser publicado nesta web e posibles accións promocionais do concurso. Tamén se estenderá a autorización á publicación individual da imaxe na páxina, con texto didáctico explicativo da mesma. En todo caso, o/a autor/a da imaxe recibirá sempre os créditos oportunos e manterá en todo momento a propiedade e autoría intelectual da imaxe.
  • No caso de enviar imaxes con marca de auga ou sinatura esta deberá ocupar un espazo pequeno, nunha esquina ou nun bordo e sen que afecte a ningún elemento singular da imaxe.
  • Os arquivos enviados deberán ser dunha calidade mínima de 1024 x 768 píxeles ou similar (agás fotos de móbil). O/A autor/a deberá conservar os orixinais (preferiblemente RAW) para posibles consultas posteriores, especialmente os datos EXIF do arquivo/s orixinais.
  • Co envío da imaxe haberá que describir os medios técnicos empregados para realizar a foto, o procesado informático (de habelo), os elementos que se ven na foto, o lugar no que se tomou (imprescindible indicar sempre parroquia e concello), a data e a hora (aproximada no caso de varias imaxes para as panorámicas).
  • O prazo de recepción pecharase o 2 de agosto ás 23:30 horas.
  • Cada autor/a poderá enviar un máximo de 5 imaxes. No caso de colaboradores deste proxecto que xa teñan imaxes publicadas durante este ano poderán enviar ata 5 imaxes adicionais.
  • Non é preciso o envío de primicias ou inéditos. As imaxes poden ter sido publicadas ou difundidas noutros medios, pero non premiadas noutros concursos.
  • O xurado poderá consultar cos autores as circunstancias concretas dalgunha imaxe no caso de que haxa dúbidas sobre a súa realización.
  • Calquera comunicación directa sobre a marcha do concurso que realice o participante con calquera membro do xurado por iniciativa propia implicará a inmediata descalificación do concurso.
  • O xurado poderá declarar algún premio deserto.
  • A decisión do xurado será inapelable.
  • Dada a situación actual a edición da Gala Anual de entrega de premios será pouco probable, polo que estes serán enviados por servizo de mensaxería.
  • Os premios non serán acumulativos, agás os diplomas.
  • Calquera consulta ou conflito sobre o concurso será resolto polos organizadores. As súas resolucións serán inapelables.

O xurado

Integrado por persoas de recoñecido prestixio no mundo da astronomía, astrofotografía e/ou divulgación.

  • Jorge Mira: da Universidade de Santiago de Compostela, editor do libro "Na procura da Noite", autor de "A que altura está o ceo!".
  • Martin Pawley: divulgador astronómico en radio, prensa e premio ao  mellor divulgador de astronomía da FAAE (Federación de Asociacións Astronómicas de España).
  • Leonor Ana: da Fundación AstroHita, auto do libro "Dibujo astronómico".
  • Fernando Cabrerizo: autor de varias imaxes do APOD da NASA, vicepresidente da FAAE.
  • Miguel Ángel: divulgador baixo o alcume @elBarroquista nas redes sociais.
  • Leonor Parcero: presidenta da AGC-CCT (Asociación Galega de Comunicación de Cultura Científica e Tecnolóxica).
  • Ana Ulla: da Universidade de Vigo e da Fundación Ciencia, Ceo e Cultura, autora de "Desde el jardín, las estrellas".

Desvelaremos cando remate o prazo de recepción de imaxes do concurso.

Os premios

Premios do xurado:

Premios do público:

Para os primeiros, segundos e terceiros premios de cada categoría:

  • Diploma acreditativo.
  • Lote de exemplares #CeosGalegos20 (adicado polo editor), #CeosGalegos19 e #CeosGalegos18.