O proxecto Ceos Galegos

A orixe

Ceos Galegos xorde no outono de 2017 coa idea de facer un calendario astronómico galego. Axiña ampliamos a idea inicial, para amosar e presumir de ceo en Galicia, as paisaxes nocturnas, a astronomía, a meteoroloxía, os fenómenos extremos. Todo isto e máis ten cabida para difundir, comunicar e divulgar a ciencia. Tamén para contribuír a concienciar sobre a protección dos seus valores naturais, culturais e turísticos.

Sobre a marcha, o proxecto trascende a idea inicial de editar un produto de consumo coma un calendario, sendo este o elemento que permite financiar o inicio de algo máis grande.

Que é

Ceos Galegos é un proxecto de divulgación e comunicación social. De ciencia, no sentido amplo da palabra, pois inclúe astronomía, xeoloxía, bioloxía… pero tamén historia, arqueoloxía, literatura. De fotografía, pois artéllase ao redor dunha imaxe fermosa do ceo, ou didáctica, ou curiosa. De cultura, porque o coñecemento científico tamén é cultura. Porque coñecer o noso contorno máis próximo permítenos comprender mellor quen somos e de onde procedemos, proxectándonos cara o futuro. Pero tamén permítenos valorar mellor os ceos doutros lugares, porque podemos aprezar as semellanzas e as diferenzas.

Os nosos textos e contidos son orixinais. Ampliamos con ligazóns a outras webs de interese. Podes empregar os nosos textos nas túas propias webs sempre e cando non os edites e inclúas unha ligazón ao lugar orixinal. Publicamos baixo licenza Creative Commons: Atribución-NonComercial-CompartirIgual (CC BY-NC-SA). As fotos teñen a licenza que lle asigne o seu autor.

O noso finanzamento provén de recursos propios, editando diversos materiais dispoñibles para a súa compra, realizando actividades, participando en diversos eventos, con patrocinadores privados ou con accións de micromecenazgo. Non solicitamos subvencións. Non buscamos patrocinios públicos.

Accións

  • Decembro 2017-xaneiro 2018: presenza do calendario en varias librarías galegas. Fixéronse presentacións en todas as cidades consistentes nunha charliña duns 30 minutos de duración, amosando as imaxes do calendario e explicando a astronomía, fotografía, historia… que amosan.
  • Febreiro 2018: posta en marcha do concurso de fotografías “Nubes galegas”, iniciativa conxunta con 4 Gotas.
  • Marzo: entrega dun lote de calendarios ao proxecto MarumaSAT da NOSA, a Axencia Espacial Escolar Galega, para o seu reparto entre os escolares e os docentes dos institutos…
  • Maio: entrega dun lote para regalar xunto coa matrícula a todos os asistentes ás xornadas pola noite, organizadas pola Agrupación Astronómica Coruñesa Ío.
  • Xullo: entrega dun lote para regalar xunto coa matrículo no curso de Iniciación á Astronomía e a Astrofotografía organizado pola Universidade da Coruña.
  • Agosto: posta en marcha do concurso de fotografías “Perseidas galegas”.
  • Outubro: patrocinio de AstroGalicia 2018.
  • Novembro: chegada da edición de Ceos Galegos 2019 – Galician Skies 19 ás librarías galegas.
  • Decembro: gala de entrega de premios de fotografías dos Ceos Galegos.
A %d blogueros les gusta esto: