Cento cincuenta solpores

Créditos da imaxe: Ángel D. R. Arós

Do 4 de agosto ao 1 de xaneiro. O camiño do Sol polo ceo. 150 solpores no océano Atlántico. Luz impresa en papel fotográfico. Isto é unha solarigrafía.

Agochada nunha cova da praia de Lagos (Bueu, Pontevedra), unha lata de refresco cun pequeno furado nunha tapa e un papel fotográfico no fondo foi rexistrando o paso do Sol polo ceo durante 5 meses. Sen filtros, a luz do Sol velaba a emulsión do papel fotográfico. Unha vez recollido este, só houbo que escanealo e invertir as cores. E aí o temos. Toda unha lección didáctica de como se move o Sol.

O mediodía solar coincide co cumio das curvas. Desde agosto, a curva máis alta, o Sol vai paseniñamente erguéndose un pouco menos sobre o  horizonte. Os días vanse facendo máis curtos porque o camiño solar cada vez é máis curto. Á dereita da imaxe, o punto do solpor cada día algo máis cara meridional. Só no equinoccio de setembro coincide exactamente co oeste xeográfico. Os días que aparecen punteados, os días que non hai nada, as nubes bloqueaban a luz solar. Chama a atención a abundancia de días anubrados en outubro (na parte media da imaxe) e os días soleados de decembro, na parte inferior. Cada liña marca o camiño aparente do Sol no ceo dese día.

Na parte inferior, ao fondo, aparece a silueta costeira da ría de Aldán rematada na punta Couso (Cangas, Pontevedra). Na parte superior, imperfeccións pola entrada de humidade.

Imaxe tirada con cámara de folla de lata de refresco cheo de cafeína, tempo de exposición de 3 600 horas e focal duns 5 cm. Sobre papel fotográfico Ilford de branco e negro.

Poderías gostar de...

Ás voltas co ceo estrelecido

Imaxinades ter ollos que foxen quen de rexistrar a luz que lles chega durante minutos? Pola noite descubrirïamos que o ceo xira ao redor das

Flores no ceo, flores na terra

Vistes as flores celestes? Máis ben son as flores cósmicas. Aí, no medio desa nube que se estrica en diagonal pola imaxe, semellan caraveis rosas.

O ano das auroras boreais galegas

Querido mañá, se cando leas isto eu xa estiver lonxe no tempo e no espazo que saibas que hai auroras inauditas coa rubién do que

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2025