Na historia da humanidade saber cando a Lúa era chea foi algo fundamental. Os primeiros calendarios eran lunares, como son aínda o calendario eclesiástico, o árabe ou o xudeu. No noso rural marcan os traballos por lúas por tradición, algo máis cómodo que mirar a altura do Sol no ceo xa que os cambios de fase lunar son máis evidentes e rápidos. Incluso, medir exactamente o momento preciso da Lúa chea é moi relevante para ter un calendario máis preciso. Que a fase chea sexa ás 23:55 ou as 00:05 pode mover os días festivos varias semanas no calendario. Iso fixo que astronomía árabe tivera un gran impulso durante a Idade Media e que mesmo o Vaticano teña un Observatorio Astronómico (antes en Roma, agora en Arizona, máis afastado da contaminación luminosa), un dos máis antigos do mundo.A nosa Lúa chea non se ve, pois está apantallada polas nubes. Se non fose por iso non veriamos nada da paisaxe, pois a sobreexposición saturaría a cámara de fotos. Pero os seus efectos son evidentes. Ves esa chalana pousada na area? Cando hai Lúa chea o efecto combinado da atracción gravitacional do satélite maila nosa estrela provocan unha marea viva.
Por contra, o luar é tan intenso que a imaxe apenas capta algunha estrela no ceo. E, se as atopades, aparecen como pequenas raias. Débese á longa exposición da captura da imaxe. O diafragma estivo aberto uns 30 segundos, polo que as estrellas xa deixan o ronsel característico debido á rotación terrestre.
Esta lúa chea do último día do pasado mes de agosto valeulle ao autor para ser portada da edición #CeosGalegos24. Que en moitos lugares se referiran a ela coma “súper-lúa” non é máis que unha figura sensacionalista e irrelevante.