Un billón de estrelas

En realidade, nesta imaxe hai moitas máis. Ese é o número de estrelas estimado para a galaxia de Andrómeda, que enche a foto. A veciña galáctica máis grande e próxima á nosa Vía Láctea (descontando un par de galaxias ananas irregulares) pode albiscarse a simple vista nos ceos escuros galegos. Por iso resulta un misterio que nos libros da astronomía da antiga Grecia non apareza catalogada. Foi o astrónomo persa Al-Sufi o primeiro en rexistra a súa existencia no “Libro das estrelas fixas” en 964; describíaa coma unha pequena nube.

A galaxia de Andrómeda ou M31 ten unha estrutura de brazos en espiral. Na imaxe distinguimos os corredores escuros de po que perfilan eses brazos. Un detalle moi ben captado son as pequenas manchas avermelladas; son lugares nos que se están a formar estrelas novas. O núcleo galáctico destaca en brillo por albergar un maior número de estrelas moi densamente agrupadas.

Ao redor de Andrómeda hai dúas galaxias máis pequenas catalogadas coma M32 (arriba á esquerda) e M110. A primeira é unha galaxia anana compacta chea de estrelas vellas e sen rexións de formación estelar; pénsase que colidiu hai tempo con Andrómeda. Por contra, a M110 é unha galaxia elíptica anana que aínda conserva no seu interior a capacidade de formar novas estrelas.

As estrelas que zarrapican toda a imaxe son da nosa propia galaxia, estando en primeiro plano e moito máis preto de nós que os 2,5 millóns de anos luz que nos separan de Andrómeda.

A nosa Vía Láctea maila Andrómeda están ligadas pola atracción gravitatoria, xunto con outras moitas galaxias, formando o denominado Grupo Local. Dentro deste, ámbalas dúas son as galaxias máis grandes, atráense máis que as outras e estanse a aproximar a unha velocidade de 300 km/s. A ese ritmo, colisionarán dentro de moito, moito tempo; uns 4,5 mil millóns de anos. De feito, pénsase que xa colisionaron no pasado e continuarán con esa danza cósmica ata que queden fusionadas nunha soa e enorme galaxia que xa ten nome: Lactómeda. Seguro que daquela non haberá ser humano para comprobalo. Non pensemos nunha colisión galáctica como o choque real entre as estrelas, xa que estas están moi afastadas unhas doutras. As galaxias traspásanse roubándose mutuamente estrelas ou cúmulos, presionando o gas e po galáctico e creando así novas nubes de formación estelar. Distorsiónanse ata que volven a se afastar e a gravidade de cada unha volve a conformar a súa nova estrutura. Non o veremos pero podemos consolarnos vendo unha simulación do evento.Esta excelente imaxe foi tirada desde Estacas (Ares, A Coruña) e aparece no mes de novembro de #CeosGalegos24. Precisou de 60 tomas de 3 minutos de exposición e outras 59 de 10 minutos con filtro de hidróxeno alfa, amoreadas mediante aplicación informática. Unha imaxe semellante recibiu o premio anual do Observatorio Real de Greenwich xa que os afeccionados que tiraron a foto descubriron un arco de osíxeno ionizado que non se coñecía previamente.

Poderías gostar de...

Unha eclipse NON total de Sol

Foi por pouco, pero a eclipse non chegaba onda nós. Uns minutos despois do momento no que comezaba a Lúa a se meter na nosa

Un cometa sobre a catedral?

As apariencias enganan, unha vez máis. A imaxe parece amosar un cometa sobre a catedral de Santiago de Compostela cunha atmosfera postapocalíptica con esa cor

Oito minutos de meteoro

Iso foi o que captou o noso colaborador. Na choiva de meteoros das xemínidas destes días pasaron oitos minutos entre a primeira imaxe e a

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2024