Nalgunhas fotos o Sol parece unha estrela. Porque é unha estrela. De feito, os anglosaxóns aplícanlle un nome un tanto reiterativo: “sunstar” ou “sunburst”.
Estamos vendo o fenómeno denominado difracción. Unha onda desvíase ao petar cun obstáculo ou pasar por un pequeno burato, cando as súas dimensións son da orde de magnitude da lonxitude de onda. Tamén se producen fenómenos de interferencia relacionados coa difracción.
No caso da fotografía, a luz espállase cando os seus raios pasan polo pequeno orificio que é o diafragma da nosa lente. Canto máis pequeno sexa o burato, máis pronunciado será este efecto xa que a luz se dobrará nun ángulo máis pronunciado ao redor das láminas do noso diafragma. Por este motivo, con aperturas máis estreitas do diafragma como F16, F18 ou F22 o efecto será máis pronunciado e proporcionará estrelas mellores.
O número de raios das estrelas depende directamente da construción do diafragma da lente que estamos a empregar. Cando o diafragma ten un número par de láminas, a estrela terá o mesmo número de raios que as que hai no diafragma. Se o número de láminas é impar, a estrela terá o dobre de raios que láminas do diafragma.
Ollo con estes efectos; traballar con aberturas pechadas pechadas provocará difracción tanto nas fontes luminosas como no resto da imaxe e unha perda de calidade e nitidez nas fotografías. Temos que coñecer as nosas lentes e saber ata onde chegar para conseguir estrelas fermosas sen estropear as fotos. O importante é conseguir un bo equilibrio e o mellor dos resultados.
O mesmo fenómeno aparece en fotografías astronómicas e de telescopios espaciais. Nese caso, relacionado cos soportes dos espellos dos telescopios ou cos seus bordos. Nesas imaxes as estrelas máis brillantes forman as chamadas “puntas de difracción”.
O autor da imaxe (e gran parte do texto) foise a un dos seus lugares favoritos en Ferrolterra: a praia de Campelo (Valdoviño, A Coruña). En primeiro plano, uns fermosos croios cheos de algas por diante dos cantís. Empregou a súa Canon 5D Mark IV, cunha lente Irix Blackstone 15mm 2.4F, filtro Irix Edge Polarize, trípode Manfrotto MT055XPRO3 + XPRO Ball Head e parámetros: ISO 100, F18, 1,3 s.