Todas elas teñen carácter divulgativo, sen necesidade de nivel previo nin de inscrición. Dirixidas ao público en xeral, permiten tomar contacto e coñecer a científicos en activo, divulgadores e temas da maior novidade.
A misión Gaia
Por Francesca Figueras.
Gaia é unha misión emblemática da Axencia Espacial Europea (ESA) que está a revolucionar a astrofísica actual e promete seguilo facendo durante os vindeiros anos, grazas a altísima precisión das súas observacións e medidas. O desafío tecnolóxico que supuxo e que está a supor, agora na parte do procesado da inxente cantidade de datos que xera, está a colocar a Europa ao fronte do eido da astrometría desde o espazo. Lanzado o 19 de decembro de 2013, está a realizar un vasto catálogo de posicións, distancias, movementos e outras propiedades de máis de mil millóns de estrelas.
Desde hai varias edicións vimos seguindo o desenvolvemento desta misión que está a cartografar as estrelas da Vía Láctea. O catálogo estelar de Gaia está xa a substituír o anterior do satélite Hipparcos. A publicación dos últimos resultados supón unha revolución sobre o noso coñecemento da Vía Láctea. Sobre isto e outros temas versará a charla divulgativa dunha profesional da astronomía
MeteoMarte
Por Jorge Pla García
España é unha potencia mundial en meteoroloxía marciana. Cando o todoterreo Curiosity da NASA aterrou no cráter Gale de Marte en agosto de 2012 coa estación meteorolóxica española REMS a bordo, España entrou a formar parte do exclusivo grupo de cinco instrumentos meteorolóxicos que algunha vez na historia mediran desde a superficie do planeta vermello, sendo a primeira non norteamericana en conseguilo. REMS segue a funcionar desde pouco despois da aterraxe deica o hoxe. Os eus excepcionais resultados fixeron que as dúas seguintes misións da NASA a Marte incorporen respectivamente as estacións meteorolóxicas españolas TWINS (Temperature and Wind sensors for InSight mission) no aterrizador InSight que se atopa camiño de Marte e MEDA (Mars Environmental Dynamics Analyzer) no todoterreo Mars2020 que será lanzado no ano 2020.
Na charla faremos unha breve revisión sobre a exploración mailo clima do planeta Marte, exponremos os principais descubrimentos realiza dos polo instrumento REMS e debatiremos as súas implicacións na futura exploración humana do planeta vermello.
Explicaremos como realizar as interpretacións meteorolóxicas do cráter Gale (que desvelan un contorno meteorolóxico dinamicamente moi complexo) empregando os datos marcianod de REMS combinados cos resultados de sofisticados modelos meteorolóxicos marcianos. Estes modelos xurdiron a partires da auxe da exploración marciana na década dos noventa xunto coa optimización dos modelos meteorolóxicos terrestres, propiciando o escenario ideal para a adaptación deste tipo de modelos á atmosfera marciana. O seu uso converteuse nunha parte fundamental para a interpretación dos datos xerados polas misións espaciais ao planeta vermello e para coñecer as restriciones das súas condicións ambientais. Ademais, convertéronse nunha ferramenta fundamental para a avaliación de riscos na etapa de entrada, descenso e aterraxe das misións marcianas.
Astronomía e arte
A fascinación do ser humano polo ceo estrelado e polos misterios do Universo aparece plasmada nun bo número de obras de arte ao longo da Historia. As orixes deste vencellos chegan á Arte Paleolítica e duran deica os nosos días. Moitos artistas testemuñan a vida cultural das dúas sociedades e nas súas obras reflicten os últimos descubrimentos científicos. A arte convértese deste xeito nun reflexo da actividade científica e intelectual do home.