Chegado é o momento de que escollas as túas mellores imaxes recibidas para os nosos concursos. Algunhas xa foron publicadas ao longo do ano. Outras están pendentes de publicar. Para que o teñas un pouco máis doado fixemos unha escolma entre as 200 imaxes recibidas.
A votación é moi sinxela; vai mirando as imaxes unha por unha e dálle ao botón “gústame” das que prefiras. Podes votar por cantas queiras, pero só unha vez. Ah, e tes que estar rexistrado. Máis que nada porque para o sorteo entre os votantes teremos que saber a quen avisar.
As categorías nas que podes votar son:
- mellor imaxe do ceo galego 2018 con telescopio (votación aberta o 20/12)
- mellor imaxe do ceo galego 2018 sen telescopio (votación aberta o 23/12)
- mellor imaxe das nubes galegas 2018 (votación aberta o 21/12)
O prazo de votación rematará o 31 de decembro antes das badaladas do aninovo ampliámolo ata o 4 de xaneiro ás 24:00 horas. E o sorteo entre os votantes realizarémolo durante a semana seguinte. Avisaremos nas nosas redes sociais e ao través desta web. Sortearemos un par de lotes compostos por:
- unha edición de Ceos Galegos 2019 autografada polos seus autores mailo editor
- unha invitación ao xantar do día da gala de entrega de premios (prevista para o domingo 13 de xaneiro) para 2 persoas, cortesía do Náutico de Castrelo.
- un lote de botellas de viño do Ribeiro de colleiteiros e adegueiros de Castrelo de Miño (Ourense)
Será imprescindible asistir á gala para gozar dos premios.
Os autores premiados recibirán os premios determinados nas bases do concurso.