Un mar de nubes

xúpiter, Saturno, Escorpión, Arqueiro, Saggitarius, Lúa

É a curiosidade a que disipará a brétema para verte

en Arousa.

No luar.

Estíbaliz…Espinosa en #CeosGalegos21

Sempre hai unha primeira vez. Todos tivemos unha primeira vez. Lembras a túa primeira vez?

Imaxina que fose así. Subes ao cumio dun monte mentres te arrodean as nubes. No alto atopas unha pasarela, entras no miradoiro e asomas ao baleiro. Baixo túa un mar branco. Sínteste poderoso, grande, enorme. Ergues a vista e alí o está. O Universo. Sínteste feble, pequeno, diminuto.

No bordo dereito albiscas tres estrelas en vertical. Sentes besbesellar no ouvido: as pinzas do Escorpión. Detrás decorren varias estrelas. Unha destaca pola súa cor laranxa: o corazón do Escorpión chamado Antares. Cara abaixo e ao centro desenrólase unha pequena espiral de estrelas que forma a súa cola.

A Lúa, porque é a Lúa quen alumea desde o alto, en cuarto crecente a un 85% do seu esplendor a finais do pasado mes de xullo. O fotógrafo xogou co diafragma da cámara pechándoo moito para acadar ese efecto de difracción que arremeda unha estrela xigante. O luar agocha a nosa galaxia a Vía Láctea, nesa zona do ceo.

Abaixo e lixeiramente á esquerda destaca unhas sete estrelas que parecen formar unha teteira: a asa, o bico e a tampa. Estamos fronte o Seteiro ou Arqueiro (Saggitarius), outra das constelacións zodiacais. E seguindo á esquerda dous luceiros: Xúpiter e Saturno. Todas estas luminarias celestes semellan algo movidas froito da longa exposición da toma: uns 30 segundos, abondo para sentir como o ceo se vai movendo. En realidade, sentir como a Terra vai rotando.

Ergues a vista e alí o está. Agora es quen de identificar a Saturno, Xúpiter, o Arqueiro, o Escorpión, Antares e volves a te sentires poderoso, grande, enorme. Estás no cumio do monte Muralla (entre Rianxo e Lousame).

E… de súpeto, naquel pequeno punto azul do sistema solar, agromou do po de estrelas un pequeno ser que levantou a cabeza e admirou o ceo. Nese momento, sentiu a necesidade de fundirse de novo coas estrelas.

Jorge Mira en #CeosGalegos21

Poderías gostar de...

Marchou o Alfredo

Pasou hai uns días, pero foi para sempre. Forma parte da media ducia de colaboradores grazas aos cales puidemos iniciar este proxecto no outono de

Eclipse de Lúa, eclipse de Sol

Van en parellas. Sabías? Hai uns días tivemos unha eclipse lunar total, o da foto. Dentro duns días teremos unha eclipse solar parcial. No primeiro,

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2025

1 comentario en “Un mar de nubes”

Os comentarios están pechados.