Ceos Galegos > AstroDidáctica > Un ceo estratosférico

Un ceo estratosférico

Créditos da imaxe: Axencia A NOSA

Apareceu a MarumaSat III e continúa o proxecto didáctico. O equipo de escolares puido ter acceso aos datos que os aparellos da sonda levaba no seu interior. Estaba equipada cunha radio-sonda (medidas de altitude, temperatura, presión, vento e humidade), un teléfono móbil (medidas de forza g e aceleración angular). Aproveitando a viaxe ás alturas aproveitouse para facer algún experimento biolóxico. Entre outros, mandar estratosfera unhas fabas e, xa recuperadas, facelas xermolar e comparar o seu cultivo con outras fabas que ficaron en terra, como grupo de control.

A pesares da perda dalgúns datos puido reconstruírse que a altura máxima do globo foi de 33 500 metros, ben dentro da estratosfera. Pouco máis arriba chegou Felix Baumgartner hai uns anos. A atmosfera ten diversas capas que non están separadas por un límite concreto. A medida que ascendemos o aire vaise facendo más tenue, formándose rexións que comparten propiedades físicas. A troposfera chega aos 10 km, onde a presión permite a vida como a coñecemos. Por riba está a estratosfera, que chega aos 60 km. Vén despois a mesosfera, a termosfera e a exosfera.

Considérase que o espazo comeza a partires dos 100 quilómetros de altura, na mesosfera, desde a denominada como liña de Kármán. En realidade é un pouco máis arriba, pero unha cifra redonda é máis sinxela de lembrar. Por aí arriba non hai densidade de aire suficiente para acadar a sustentación dun avión. Por aí un globo aerostático non atopa medio no que flotar.

A MarutmaSat III non chegou ao espazo exterior pero pasou ben frío, ata -60ºC. E dos vídeos que gravou demos tirado a fermosura da fotografía de hoxe. Podemos aprezar a escuridade do ceo fóra da atmosfera, a pesares de que é de día; non hai esparexemento Rayleigh. A finura da troposfera, unha frente de nubes que se achega, a curvatura da liña do horizonte (un pouco esaxerada pola deformación dos bordos da lente) e un mapa case satelital do perfil das rías baixas. No medio destaca a ría de Muros e Noia e a praia de Carnota. Fermoso, verdade? Quen lle dera ao Domingo Fontán no seu tempo.

Agradecemos ao centro de procesado de datos espaciais da NOSA, ubicado no IES Xelmírez II os datos da sonda. MarumaSATIII é un proxecto de varios institutos públicos galegos: IES Maruxa Mallo de Ordes, IES Miraflores de Oleiros e IES Marco do Camballón de Vila de Cruces. 

Poderías gostar de...

Deixar unha resposta

A %d blogueros les gusta esto: