As Pléiades son realmente irmás

Créditos da imaxe: www.aristarco.org

Poucas veces mitoloxía, tradición e ciencia coinciden. Así é no caso do cúmulo das Pléiades. Na astronomía grega as súas estrelas eran integrantes da mesma familia, pai, nai e fillas. No noso ceo seguen a estar xuntas no mesmo espazo; aí ben altas no ceo de inverno, á dereita e/ou por riba do Touro. Pero resulta que ademais son estrelas que se formaron na mesma nube orixinal. Así aparece ao analizar o seu movemento e a luz que emiten.

A técnica de analizar a luz emitida por unha estrela chámase espectroscopía. Consiste en dividir a luz emitida nas súas compoñentes de cor. É o mesmo que se pode facer cun prisma de cristal e a luz solar, o que de forma natural acontece cando a luz que atravesa as pingas de chuvia crea un arco da vella. Neste caso empregouse unha reixa de difracción, un filtro especial formado por liñas moi pretas para conseguir descompoñer a luz.

Desde o patio traseiro da casa deste astrónomo amador nun arrabalde de Ourense obtemos estas gráficas para as estrelas máis brillantes do cúmulo. Son moi parecidos, verdade? Porque son estrelas irmáns. Tecnicamente clasifícanse como estrelas de tipo B, nun esquema definido no século XIX pola astrónoma estadounidense Annie Jump Cannon. As estrelas deste tipo son moi luminosas e azuladas e están rotando rapidamente. No espectro individual hai diferenzas, claro, como en Pleione e Alcione que amosan sendos picos á dereita que non teñen as demais. Pero cualitativamente son moi parecidas.

Cada gráfica tirouse cunha cámara réflex acoplada a un telescopio de tipo Schmidt-Cassegrain e unha reixa de difracción modelo Star Analizer (100 liñas/mm). Para a parte informática empregouse o software libre Visual Spec. Por motivos didácticos se presentan os espectros individuais xuntos e con cores diferentes, ademais dun esquema abaixo coa posición das estrelas no cúmulo.

Poderías gostar de...

A muiñeira das auroras

Estamos a vivir unha tempada extraordinaria. Unha actividade solar en máximos históricos está a provocar que poidamos gozar das auroras boreais desde o noso país.

O lobo oubeando ao cabalo escuro

Na terra, un lobo oubea para indicar o seu mando na grea. No ceo, un cabalo escuro fica impertérrito. A nebulosa dese nome é unha

O xigante do tesouro

Ollade ben á torre do castelo. Dentro hai un pozo cheo de auga, o normal. Neste caso, o pozo ten un encantamento pois agocha unha

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2026