Chega o outono

Cada estación ten as súas cousas. No outono, castañas e cogumelos. E estrelas. A vantaxe do ceo nocturno é que podemos gozalo todo o ano. Incluso, unha parte do ceo é diferente en cada estación do ano. Os froitos do bosque non.

No outono aínda están gran parte das constelacións do verán coma o Cisne, a Aguia e a Lira, nas primeiras horas da noite. E, desta volta, seguimos a poder gozar dos planetas Xúpiter e Saturno, pero tamén Venus xustiño tralo solpor. O cambio de hora de finais de outubro amola bastante nun país tan ao oeste, pero permite gozar do ceo nocturno a horas máis normais. A Vía Láctea sempre estará aí, marcando o camiño. E, xa despois da hora da cea, comezan a se erguer as Pléiades, sempre as Pléiades. E as constelacións do Touro, Orión, os Cans Maior e Menor e moitas máis.

Todo o ano, enxergamos as dúas Osas (Maior e Menor, pero tamén o W ou M de Casiopea, o cabalo alado de Pegaso… Aprender a mirar o ceo é mirar ao noso pasado, á nosa historia, ás lendas da tradición greco-latina que herdamos. Pero tamén a unha visión occidental do ceo nocturno. Outras culturas designaban con outros nomes ás mesmas constelacións. Nas imaxes tes dous mapas do ceo nocturno correspondentes ao día de hoxe. O primeiro, xusto tralo solpor, ás 20:00 hora. O segundo, xusto a medianoite. Os dous están feitos a partires da excelente web de Heavens Above. Porque o ceo está por riba de nós; só temos que erguer a cabeza e aprender a miralo.

Poderías gostar de...

A eclipse galega de sol (i)

Unha eclipse total de sol é o maior espectáculo que a natureza nos pode ofrecer. Gozar del ao carón do fogar é unha simple casualidade

A Eclipse Galega (i): que imos sentir

Unha eclipse total de sol é, sobre todo, unha experiencia para sentir, para vivir, en solitario ou coa familia ou co grupo de amizades. Independentemente

Desde a caverna

Cando miramos desde o fondo da espenuca, para ollar a realidade, o abraio pode ser maiúsculo. Na nosa imaxe esa sería a realidade fóra das

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2026