Pero ela, teimuda coma a vida, ábrese paso no solsticio: moa de tataravoa, xenia de cantiga, a revolta irmandiña dos coidados, a perspectiva cosmonauta. Como se nos verá dende Xúpiter ou Saturno?
Entre as breñas, por entre as fendas, entra a luz. There is a crack in everything. Conxunción planetaria, cerna da galaxia. Todos rompemos algunha vez. É por onde volveremos luz.
Estíbaliz Espinosa nos #CeosGalegos22
Desde as alturas sempre se vixía mellor. Os ataques terrestres. Pero tamén os ataques celestes. En tempos, construiamos lugares altos para vixilar a terra. Agora enviamos naves ao alto para vixilar os ataques do ceo.
A torre de Sande (Cartelle, Ourense) ergueuse para defender o territorio, protexer aos seus donos e evitar os ataques do recén nado veciño do sur, Portugal. Do primeiro e do terceiro foise valendo. Cando Afonso Enriques tentou aumentar as terras portucalenses ata a beira do Miño tivo que recuar nun par de ocasións. Do segundo xa foi máis complicado. Cando os veciños se fartaron dos abusos feudais a primeira revolta irmandiña espallouse polo país e este torre derrubouse coma outras moitas. Un monumento con moita historia e con moita historias, agora caéndose en anacos e parecendo unha metáfora do país.
Quen sabe se podería ser actualizada para defendernos contra outro inimigo que non é precisamente invisible. Por tras dela o alumeado mal deseñado das terras de Celanova (e da cidade de Ourense) tratan de ocultar a vista do centro da nosa galaxia. Pero chegamos a albiscar varios borrachiños rosáceos; zonas de nacemento de estrelas. Á súa esquerda emerxen os luceiros dos planetas Xúpiter e Saturno. A propia torre oculta gran parte da constelación do Arqueiro, quedando á dereita da Vía Láctea o Escorpión. Por riba del pérdese o Serpentario ou Ofiúco, sostendo cabeza e cola da Serpe.
Tirada no pasado mes de agosto coa súa Sony A7iii e un Obxetivo Tanrom 17-28 a 17mm e f2.8, o autor tirou 5 imaxes con 20 segundos de exposición que despois amoreou para chegar a ese nivel de detalle e eliminar o exceso de ruído.