Unha Vía Láctea castrexa

Créditos da imaxe: Aleixandrus

A cola dun dragón, o leite derramado dunha deusa, un camiño celeste, o espiñazo dun animal, unha serpe… Moitas son as explicacións que as diferentes culturas foron dando á presenza da Vía Láctea no ceo nocturno. Non en van é o elemento que máis destaca nas noites despexadas; hoxe só en lugares afastados da contaminación luminosa. Porén non sabemos que pensarían os primeiros habitantes deste lugar, os moradores da cultura castrexa que poboaban todo o país. O recinto de pedras, as súa murallas, vivendas, rúas e prazas, dispuñan dunha fermosa paisaxe mariña polo día e do ceo pola noite.

Non foi ata a invención do telescopio e a Galileo Galilei, o primeiro en apuntalo cara esa nube celeste, que se descubriu que en realidade está formada por milleiros e milleiros de estrelas. Aínda que fora Demócrito, na antiga Grecia, quen xa o anunciara no século IV a.C., sen poder aportar ningún tipo de proba ao respecto.

Arriba, o ceo. Abaixo, en primeiro plano, o castro de Baroña (Porto do Son, A Coruña). No horizonte, baixo o alumeado público que desperdicia fotóns están os núcleos urbanos de Muros, Noira, Ribeira e os núcleos veciños destes. Sobrancea por riba o faro de  Corrubedo. E o ceo, á dereita da nosa galaxia, o planeta Xúpiter, o astro máis brillante deste ceo.

A imaxe compúxose a partires de 37 fotos individuais tiradas o pasado verán, unidas en tres fileiras para obter esta ampla panorámica. O autor empregou unha cámara réflex Sony a7III sobre un trípode fotográfico, con 20 segundos de exposición para cada imaxe cunha sensibilidade ISO 3200.

Poderías gostar de...

Unha eclipse NON total de Sol

Foi por pouco, pero a eclipse non chegaba onda nós. Uns minutos despois do momento no que comezaba a Lúa a se meter na nosa

Un cometa sobre a catedral?

As apariencias enganan, unha vez máis. A imaxe parece amosar un cometa sobre a catedral de Santiago de Compostela cunha atmosfera postapocalíptica con esa cor

Oito minutos de meteoro

Iso foi o que captou o noso colaborador. Na choiva de meteoros das xemínidas destes días pasaron oitos minutos entre a primeira imaxe e a

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2024