Ceos Galegos > O raio verde

O raio verde

Créditos: Óscar Blanco

O Sol é amarelo. O ceo é azul. A luz solar é branca. No solpor, o ceo é vermello. E a derradeira raiola é verde.

Ollastes algunha vez o solpor no horizonte do mar? Si, de seguro. Seguistes o relucente astro ata o intre no que desaparece rozando na liña de auga coa parte superior do seu disco? (…) de facer esta observación, non sucederá, coma puidera crerse, que fira a vosa retina un raio vermello, senón un raio verde, pero dun verde marabilloso, dun verde que ningún pintor pode obter na súa paleta, dun verde cun matiz non reproducido xamais na natureza, nin nas variadas tinguiduras dos vexetais nin no ton dos mares máis transparentes. Se no paraíso existe a cor verde seguramente é esa, a verdadeira cor verde da esperanza!

Jules Verne falaba así na súa novela “O raio verde” dese fenómeno, inventándose incluso unha lenda escocesa sobre a súa visión. O evento motivaría na súa protagonista, Helen, unha procura polas Illas Hébridas ao norte de Escocia.

O noso país é o territorio do raio verde. Aínda que tamén se pode ollar ao mencer e na montaña, sen dúbida é máis común no solpor e no mar. E a nosa costa occidental ten os mellores solpores de Europa. As condicións para aprezar estes estraños fenómenos solares adoitan abundar. Así o noso colaborador programara fotografar este solpor. Ese lugar, entre o cabo Vilán e a illa de Vilán de Fóra (Camariñas, A  Coruña), supuña o marco incomparable para unha fermosa fotografía e sabía de certo que ese día a esa hora o Sol estaría aí. A sorte foi que ademais deu caza ao raio verde. Un raio verde que podemos definir como canónico, pois o Sol está xusto no horizonte a piques de desaparecer. A derradeira raiola do Sol foi verde.

Explicar a natureza do raio verde é complexo. Poden ser ademais de varios tipos. En resumo, trátase dunha combinación da refracción atmosférica, que privilexia a compoñente verde da luz branca do Sol, co fenómeno de espellismo, que provoca a deflexión da imaxe ao atravesar capas de aire de maior densidade.

Tamén hai documentadas raiolas azuis, vermellas e raios verdes no luar. Todos ocorridos no noso ceo galego e xa publicados no noso proxecto.

Na edición de CeosGalegos18 publicamos un raio verde no lugar galego máis verniano. O raio verde desta imaxe adorna o mes de maio da edición #CeosGalegos19 #GalicienSkies19. Haberá un raio verde en #CeosGalegos20 #GalicienSkies20? Será nalgures relevante? A finais de mes, a resposta nas vosas librarías favoritas.

OLLO: nunca se debe ollar directamente ao Sol. É perigoso.

Poderías gostar de...

Deixar unha resposta

A %d blogueros les gusta esto: