Eclipse parcial de Sol do 10 de xuño

Desta volta vai coincidir que a Lúa se interpón entre a Terra mailo Sol, polo que ocultará a luz da nosa estrela. Desde o noso país será inapreciable pois o máximo será un 20 % de perda de luminosidade. A eclipse, que vai ser anular desde os lugares centrais (Canadá e zonas polares), só será perceptible se usamos métodos directos ou indirectos de observación.

NON mirar nunca ao Sol sen a protección axeitada. E, para iso, NON valen nin radiografías vellas, nin cristais de soldadura nin métodos caseiros. Só filtros homologados para a observación solar. O mellor, proxectar a imaxe do Sol. Vimos de poñer de balde na nosa tendiña un libriño escrito hai 15 anos. Na páxina 77 e seguintes descríbense varios métodos de proxección. Preparade e escollede a que máis vos axeite ás vosas circunstancias.

As horas do máximo da eclipse, para as catro capitais de provincia, son as seguintes. A ligazón de cada cidade permítiche ver unha imaxe resumo da eclipse:

  • A Coruña: máximo ás 11:43:52, cunha magnitude de 0,23
  • Lugo: máximo ás 11:44:51 cunha magnitude de 0,21
  • Ourense: máximo ás 11:42:15 cunha magnitude do 0,20.
  • Pontevedra: máximo ás 11:41:32, cuha magnitude do 0,22.

As diferenzas son mínimas, claro. A eclipse comeza e remata aproximadamente unha hora antes e despois, aínda que os primeiros minutos son moi difíciles de detectar a non ser con medios que amplíen a imaxe. Os datos das efemérides están tirados do Observatorio Astronómico Nacional.

Como é natural, hoxe é Lúa nova, condición necesaria pero non suficiente para que se dea unha eclipse solar. Se non acontece unha eclipse de Sol en todas as fases novas da Lúa é porque o normal é que esta pase un pouco por riba ou un pouco por baixo da nosa estrela. É dicir, o plano de traslación da Terra ao redor do Sol é diferente ao plano de rotación da Lúa ao redor da Terra. Só cando se cortan se poden producir as eclipses solares ou lunares.

Os amigos da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío veñen de publicar unha excelente folla sobre o Sol e as eclipses.

Poderías gostar de...

O lobo oubeando ao cabalo escuro

Na terra, un lobo oubea para indicar o seu mando na grea. No ceo, un cabalo escuro fica impertérrito. A nebulosa dese nome é unha

O xigante do tesouro

Ollade ben á torre do castelo. Dentro hai un pozo cheo de auga, o normal. Neste caso, o pozo ten un encantamento pois agocha unha

Dúas nebulosas

Á esquerda da imaxe podemos admirar a nebulosa NGC7000, alcumada Norteamérica porque a estrutura inferior remeda á península de Florida; cousas da pareidolia. Trátase dunha

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2026