O 12 de agosto de 2026 imos gozar dun acontecemento astronómico único na vida: unha eclipse total de Sol, desde a casa, sen ter que viaxar a lugares exóticos. Probablemente sexa o maior espectáculo que o cosmos nos pode ofertar, cun engadido: de balde. Non necesitaremos de ningún trebello nin ferramenta especial para gozalo; só deixar que a escuridade nos aperte e sentir as mudanzas da natureza ao noso redor.
O noso país será un lugar privilexiado para a súa observación: o primeiro territorio non insular de Europa no que “tocará” terra, e, sendo pola tarde, aínda co Sol máis alto no horizonte que no resto da Península. Desde 1999 non houbo outra eclipse total en Europa, que daquela gozaron en Francia e Alemaña. Desta volta a totalidade só se vai ver nun recuncho de Islandia e en España.
Nesta breve guía ofrecemos a información imprescindible para gozar dela. A guía completa está ao teu dispor en www.eclipsedesol.gal (aínda en construción).
Como ver a eclipse
O primeiro e máis importante: nunca se debe mirar para o Sol directamente; os danos nos ollos poden ser inmediatos e irreversibles. Se tedes cativos/as convosco, tede conta deles/as sempre, pois calquera xogo que fagan co método que empreguedes para ver a eclipse pode levar a danos irreversibles no ollo.
Hai unha chea de métodos para a observación solar e da evolución da eclipse. Na web temos información polo miúdo sobre como construír os vosos propios trebellos de observación.
Métodos indirectos:

- Escumadeira: termade dela proxectando a súa sombra nunha superficie lisa (unha cartolina branca ou un folio). Aparecerán ducias de pequenas eclipses, especialmente cando estea xa avanzada.
- Cámara escura: nun cartón cun burato pequeno, facede pasar a luz do Sol por el e proxectádea sobre unha superficie branca. O máis sinxelo é utilizar unha caixa de cartón, furar un lateral e usar o oposto como pantalla de proxección. Canta máis distancia entre burato e proxección, máis ampliación e menos definición. Na web amosamos información de varios métodos e como construílos.
- Árbores: se miramos a sombra das árbores no chan, a luz que deixan pasar as follas provoca o efecto dunha cámara estenopeica, proxectando centos de imaxes de pequenas eclipses.
Métodos directos:
- Lentes de eclipse: imprescindible que teñan impresa a certificación ISO 12312-2:2015 de “filtros para a observación directa do Sol”, como os que vendemos na nosa web www.ceosgalegos.com. Só valen para usar nos ollos, nunca con prismáticos nin telescopios, e con coidado para non mirar ao Sol directamente nin ao poñelas nin ao tiralas. Os/As nenos/as poden usalas pero sempre baixo supervisión para evitar que, xogando, miren directamente para o Sol.
- Filtros especiais para cámaras de fotos, prismáticos ou telescopios: colócanse sempre na parte dianteira, nunca por tras do ocular; a concentración da calor solar acabaría por destruílos.
- Telescopios solares específicos: dotados dun sistema especial de prismas, permiten ver o Sol na liña de emisión do hidróxeno alfa. Por exemplo, os que teñen as agrupacións galegas de astrónomos amadores do noso directorio.
Que imos ver
Desde o momento de comezo da eclipse ollaremos como a Lúa pasa por diante do Sol, paseniñamente. Se proxectamos a imaxe solar con algún dos métodos anteriores, veremos que comeza a lle faltar un anaco no disco, cada vez máis grande. Non apreciaremos nada no ambiente ata chegarmos ao redor do 75-80 % de ocultación. Despois, todo transcorre moi rápido. O brillo baixa progresivamente, pero de xeito máis acelerado que nun solpor. Se ben non chega a se facer noite pecha, queda unha luz fantasmal e estraña que nos envolve na totalidade, imposible de describir con palabras. Baixa de súpeto a temperatura, a sombra da Lúa achégase polo chan, un vento atravesa o noso corpo provocando arrepíos, os animais apréstanse para durmir e outros fenómenos favorecen unha experiencia emocionante e inesquecible. Hoxe sabemos a que se debe e estamos avisados. Imaxinade en tempos pasados o que debía sentir a poboación.
Cando a eclipse estea completa e, mentres dure, algo máis dun minuto desta volta, podemos mirar directamente para o Sol. En realidade, veremos o “sol negro” ou o disco da Lúa nova que cobre por completo o Sol. Ao redor aparecerán a coroa solar, fulguracións e protuberancias solares; de aí que historicamente as eclipses fosen importantes para o estudo da estrutura solar. No bordo aparecerán diversos efectos provocados polo paso da luz por cráteres e montes lunares que estean no limbo lunar, con estrañas figuras provocadas pola difracción. Estes fenómenos reciben o nome de colar de perlas ou perlas de Baily.
Ollo: cando pase a eclipse, darase o fenómeno inverso, polo que hai que evitar mirar para o Sol directamente sen protección.
Por que
A Lúa (sempre en fase nova) interporse entre nós e o Sol facendo que a súa sombra percorra a superficie terrestre. As eclipses solares non acontecen sempre que hai lúa nova, porque o plano no que a Lúa orbita ao redor da Terra está lixeiramente inclinado con respecto ao plano de translación da Terra ao redor do Sol. Os puntos de corte de ambos os dous planos chámanse nodos, D (descendente) e A (ascendente). Cando eses nodos se aliñan coa Terra e co Sol, temos as eclipses solares (se hai lúa nova) ou lunares (con lúa chea).
O problema das eclipses solares é que só se senten nun 1 % da superficie terrestre. A totalidade percorre unha franxa moi estreita que pode chegar a milleiros de quilómetros de longo, pero menos de douscentos de largo; a zona de sombra proxectada pola Lúa. De aí a súa excepcionalidade. A rexión de observación da eclipse parcial, provocada pola penumbra lunar, é maior pero menos espectacular.
Ao contrario, as eclipses de Lúa adoitan verse en máis da metade da superficie terrestre.
Onde
Todo o país estará baixo a escuridade total ou case total durante uns minutos da tarde do 12 de agosto de 2026. Na franxa central e norte, a eclipse será total. No resto, canto máis afastado da liña central, menos grao de ocultación haberá. Pero o espectáculo, en todo o país, será estupendo porque a escuridade chegará a todos os recunchos, con porcentaxes de ocultación por riba do 99 %.
O mellor lugar para ver a eclipse será onde vivamos, por suposto. Teñamos en conta que ese día imos ser o destino favorito de millóns de persoas que non van ter a nosa sorte. Só tedes que pensar que vai ser no verán, en pleno mes de agosto, que non hai unha eclipse total en Europa desde hai 27 anos e as autovías favorecen os desprazamentos. Se pensades coller o coche para vos mover, armádevos de paciencia, pensade en saír con horas de antelación para chegar ao voso destino, procurade levar convosco o que necesitedes e seguide as instrucións das autoridades e os dispositivos especiais que se organicen. Cando remate a eclipse e volvades ao voso fogar, tede moita máis paciencia, porque vai ser unha viaxe longa e lenta. Aproveitade para comentar as vosas impresións e vivencias para que no futuro vos quede gravado ese momento.
Pensade que en todos os lugares nos que se viviron eclipses totais de Sol nas últimas décadas as caravanas de vehículos privados para regresar desde os lugares de observación foron quilométricas, con horas de atoamentos. Por iso imos repetir o consello: mellor non viaxar, e, de facelo, paciencia.
Os datos
O camiño da sombra total desta eclipse comeza no extremo norte da república rusa de Sakha sobre as 19:00 horas, pasa preto do Polo Norte, atravesa Grenlandia e chega ao seu máximo ao noroeste de Islandia sobre as 19:45, onde durará algo máis de 2 minutos. En Galicia comezará a verse na Coruña ás 19:31, cunha duración da totalidade de 1 minuto e 16 segundos. No outro extremo, pasará polo Barco de Valdeorras un minuto despois. Atravesará en diagonal España, polas cidades de Oviedo, Santander, Valladolid, Segovia, Tarragona, Valencia e as Baleares, e rematará ás 20:30 no Mediterráneo.
Toda Galicia gozará dunha porcentaxe de escurecemento entre o 99 % e o 100 %. Para as cidades e vilas máis grandes estes son os datos concretos:

Desde cando
Esta eclipse de Sol pertence ao ciclo Saros 126. Estes ciclos foron descubertos xa polos caldeos no século viii a. C. Grazas á observación de moitas eclipses e ás anotacións feitas en táboas de arxila, deduciron que algunhas eclipses se repetían cada 18 anos e 11 días. Esa regularidade denominouse ciclo Saros, relacionando na mesma familia unha serie de eclipses que ocorrían durante varios séculos. Como hai varios ciclos traballando ao mesmo tempo, podemos gozar no planeta Terra dunha ou dúas eclipses de Sol cada ano, pero en territorios moi pequenos. Cada unha desas eclipses pertence a un ciclo diferente.
A eclipse galega do 12 de agosto pertence ao ciclo Saros 126, que comezou no século xii e rematará no xxv. A eclipse do 2 de agosto de 2027 pertence ao ciclo Saros 136 e a do 26 de xaneiro de 2028, ao Saros 141.
No século i a. C. a astrónoma grega Aglaonice foi quen de predicir as eclipses de Lúa da súa época, grazas a toda a información recollida polos caldeos; toda unha pioneira. Pero aos ollos dos seus coetáneos, como escribira Plutarco, usaba ese coñecemento para presumir de enmeigar a Lúa e apagala co seu poder.
Ao longo da historia hai contos de batallas suspendidas ao anoitecer de súpeto, astrónomos axustizados por non previr unha eclipse, avances na tecnoloxía cinematográfica para rexistrar mellor as eclipses e unha chea de anécdotas ao redor destes fenómenos extraordinarios. Moitos destes contos témolos na nosa web.
Vindeiras eclipses
Nos vindeiros anos teremos a fortuna de observar varias eclipses moi interesantes desde o noso país:
- 2 de agosto de 2027: eclipse total (no sur da Península) que nós gozaremos cun 80 % de magnitude.
- 26 de xaneiro de 2028: eclipse anular (no sueste da Península) que nós gozaremos cun 90 % de magnitude.
- 1 de xuño de 2030: eclipse parcial ao redor do 30 % de magnitude.
- A vindeira eclipse total galega será en novembro de 2180, pero con esa xa non contamos.