
Unha eclipse total de sol é, sobre todo, unha experiencia para sentir, para vivir, en solitario ou coa familia ou co grupo de amizades. Independentemente de que residas nunha zona do país que vaia estar na franxa da totalidade (100 % de ocultación) ou da parcialidade (ata o 98 % de ocultación) sempre se vai notar. Aínda que non queiras.
O máis destacado será unha serie de fenómenos atmosféricos que pasamos a describir e explicar. Algún deles só na totalidade. A maioría, tamén nos lugares nos que se chegue ao 98-99 %, en maior ou menor medida.
- Baixón térmico: a temperatura que gozamos na Terra débese á calor que recibimos do Sol e ao efecto invernadoiro provocado polos gases da atmosfera, que reteñen esa calor. Se a radiación solar baixa de súpeto, a temperatura baixa de inmediato. Pode ser ata 10 ºC ou máis. Se levas contigo un termómetro podes comprobalo.
- O vento da eclipse: o cambio térmico vén acompañado por un airiño que varre toda a zona da totalidade e da parcialidade. Pensa que o vento trátase de aire que se move na atmósfera para compensar desequilibrios térmicos. A zona na que se produce a eclipse ten só un par de centos de quilómetros de anchura. Por fóra segue habendo sol e calor. E así orixínase esa corrente de aire.
- As cores mudan, como nun solpor, pero de xeito máis acelerado. Nun solpor normal os nosos ollos vanse acomodando á progresiva caída da luz solar. Un solpor dura algo máis de 1 hora, entre que o sol comeza a se ocultar ata que se fai noite pecha. Nunha eclipse, aínda que non chegue a se facer noite pecha, ese proceso dura uns 10-15 minutos. A nosa visión ten que se acomodar a un ritmo tal que non dá feito e poden apareer cores metalizadas e estrañas. Trátase do “efecto Punkinje”.
- Franxas de sombra que aparecen ao noso redor, movéndose, pola luz que nos chega das zonas onde non hai eclipse e que se refracta de xeitos diferentes ao pasar por zonas con diferentes iluminación e densidade. Se tes preto unha superficie branca ou clara olla para ela.
- A sombra da Lúa que se achega polo chan. Se ao mirar cara o oeste tes diante de ti o mar, unha chaira ou unha superficie ampla poida que vexas como vén por ela a sombra da Lúa, especialmente antes de que comece a totalidade.
- Na totalidade, ao redor do sol, aparecerán estrelas e planetas que non se verían se non fose pola eclipse. Revisa un planisferio para saber cales vai haber nesa zona.
- O Sol negro. Na totalidade onde antes había unha estrela brillantísima agora hai un burato negro e escuro.
Todo isto en conxunto é o que provoca emoción, arrepíos (controlados) e conexión cos nosos antergos. Agora sabemos e comprendemos o que pasa. Noutros tempos ou moitas persoas non, e sentían medo. Víveo, sínteo e emociónate. É unha vez na vida.


