As máis buscadas

Olla aí. Parecen nubes, sen máis. Pero non, son moito máis. Son nubes noctilucentes. As nubes más raras do noso país. De feito, apenas hai imaxes delas ata o de agora. Porque non son nubes normais. Nin pola ubicación, nin pola cor, nin pola composición, nin pola seu nome.

Pola ubicación; estas nubes fórmanse na mesosfera, unha capa da nosa atmosfera que anda entre os 50 e os 89 km de altura. Para comparar, as nubes habituais están na troposfera, a capa máis inferior, apenas uns quilómetros de altitude.

Pola cor; estas nubes só se poden albiscar tralo solpor ou antes do amencer, cando o Sol salienta o seu aspecto etéreo e as súas cores prateadas ou azul eléctrico. Polo aspecto poden confundirse cos cirros habituais do verán, pero non o son.

Pola composición; están formadas por cristais de xeo e po cósmico. Si, ademais do xeo os seus grans dun tamaño duns 0,3 micrómetros conteñen moito po dos meteoros que se desfan ao tratar de penetrar na nosa atmosfera. Para se formaren, estas nubes precisan temperaturas inferiores aos -120 ºC, só posibles na mesosfera durante o verán.

Polo seu nome; as nubes noctilucentes tamén se denominan nubes mesosféricas polares. Un nome moi descritivo, pois indica que se forman nas zonas polares e na mesosfera. Que se poidan enxergar deste latitudes medias coma a nosa é extraordinario. As cousas están cambiando na nosa atmosfera.

A imaxe foi tirada desde Guntumil (Muíños, Ourense), contra as 6 a.m. do 24 de xuño de 2021, unha das primeiras testemuñas das nubes noctilucentes que temos desde o noso país.

Poderías gostar de...

Desde a caverna

Cando miramos desde o fondo da espenuca, para ollar a realidade, o abraio pode ser maiúsculo. Na nosa imaxe esa sería a realidade fóra das

A muiñeira das auroras

Estamos a vivir unha tempada extraordinaria. Unha actividade solar en máximos históricos está a provocar que poidamos gozar das auroras boreais desde o noso país.

O lobo oubeando ao cabalo escuro

Na terra, un lobo oubea para indicar o seu mando na grea. No ceo, un cabalo escuro fica impertérrito. A nebulosa dese nome é unha

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2026