Créditos da imaxe: Fins Eirexas
Hai quen di que a estrela de nadal era en realidade un cometa. Incluso un paso do cometa Halley hai ben tempo foi aproveitado por un pintor para incluílo nun cadro de nadal. Tamén hai quen di que o nadal non é máis que a celebración relixiosa que se solapa coa festa do solsticio de inverno, ese día no que a luz vence á escuridade e os días comezas a seren máis longos.
O que si está claro é que neste mes de decembro temos un cometa visible no ceo galego e, con sorte, nuns días a simple vista desde ceos escuros. Que ninguén pense na icona da estrela de nadal pois neste caso non é máis ca unha bóla difusa. O da cola depende da perspectiva, da cantidade de material que desprenda, da interacción solar e do tipo de cometa, pois algúns amosan 2 ou 3 colas. Pero se a contemplación do ceo nocturno sempre é un espectáculo, aínda que só sexa para saír destas cidades sobrealumeadas nas que residimos, durante as vindeiras semanas estará adornado polo cometa 46P/Wirtanen. Terémolo a tiro de pedra “cósmica”, a só 11 millóns de quilómetros de distancia (menos da cuarta parte da distancia a Venus e unhas 30 veces a distancia Terra-Lúa).
Os cometas son visitantes dos arrabaldes do sistema solar. A meirande parte habitan a denominada Nube de Oort. Polos xogos gravitacionais que se producen entre eles, ás veces dálles por pasearse polo interior e visitar aos planetas. Algúns de xeito periódico, como o máis famoso dos cometas, o cometa Halley, que vén cada 75 anos de media. Ou este 46P/Wirtanen que lle toca cada 5,5 anos. Outros paséanse unha soa vez para non voltar xamais.
Os cometas son abraiantes, un goce para a vista e unha fonte de incógnitas. Formados por xeo de auga, po e outras sustancias, diversas teorías atribúenlles o protagonismo de promover a aparición da vida nos planetas ou de contribuír ás augas do océanos.
Na imaxe, o cometa 46P/Wirtanen érguese sobre o Pico Sacro (Boqueixón, A Coruña), o pasado 9 de decembro coma unha difusa bóla verde. Foron precisas 14 tomas con diferentes exposicións para captar o cometa, as estrelas e o primeiro plano rochoso por separado.