Será por cometas

Créditos da imaxe: Marco Antonio Vilar Sanlés

En séculos pasados descubrir un cometa implicaba a fama. E recibir unha paga do rei. Hoxe hai observatorios automatizados que varren os ceos para descubrilos automaticamente. Perdido o romanticismo do achádego, quédanos gozar das imaxes dos amadores á astronomía.

O proxecto PANSTARSS conta cun observatorio robótico en Hawai (EUA). En outubro de 2017 descubriu un cometa que resultou baptizado coma C/2017 T2 (PanSTARRSS). Suponse que procede da nube de Oort, unha rexión nos arrabaldes do Sistema Solar chea dos refugallos de xeo e po que quedaron na formación dos planetas. Ás veces, no xogo das atraccións gravitacionais dos corpos que alí se moven, algún sae disparado cara o interior das órbitas planetarias para ledicia dos ceos galegos. Neste caso para non voltar, pois a súa traxectoria aberta fará que se perda no espazo tras facer un pequeno xiro ao redor do Sol.

A imaxe cazouno o 30 de decembro, un día despois do seu máximo achegamento á Terra (a 1,5 veces a distancia Terra-Sol). Albiscamos o núcleo brillante do cometa, a coma que o arrodea e a tenue cola que deixa atrás, formada polo efecto do vento solar. Andaba daquela entre as constelacións de Perseo e a Xirafa. Agora está a entrar no reino de Casiopea. A finais de maio voltará a achegarse a nós e terá máis brillo, unha magnitude de 8 aproximadamente, polo que será visible con prismáticos. Non está mal, trala decepción do cometa ATLAS que parece estar a esnaquizarse.

A imaxe requiriu de 92 tomas de 45 segundos de exposición cada unha con sensibilidade ISO 6400, empregando unha cámara Canon 4000D acopada directamente ao un telescopio Newton Celestron 200/1000. Todo iso feito desde Ribeira (A Coruña).

Poderías gostar de...

O lobo oubeando ao cabalo escuro

Na terra, un lobo oubea para indicar o seu mando na grea. No ceo, un cabalo escuro fica impertérrito. A nebulosa dese nome é unha

O xigante do tesouro

Ollade ben á torre do castelo. Dentro hai un pozo cheo de auga, o normal. Neste caso, o pozo ten un encantamento pois agocha unha

Dúas nebulosas

Á esquerda da imaxe podemos admirar a nebulosa NGC7000, alcumada Norteamérica porque a estrutura inferior remeda á península de Florida; cousas da pareidolia. Trátase dunha

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2026