Ardora así na terra como no ceo, premio do xurado

Créditos da imaxe: Alfredo Madrigal

Luces no ceo, entre as nubes. Luces no mar, entre as augas. O de arriba son estrelas. O de abaixo son algas. A ardora.

Milleiros de microalgas fotosintéticas da clase dos dinoflaxelados son as responsables das luces submarinas. Teñen uns órganos internos chamados escintilóns, onde amorean moléculas que ao se oxidaren alumean nunha reacción química semellante ao dos vagalumes. Actívanse coa vibración e os trocos bruscos de temperatura, mantendo un ritmo circadiano. Aínda non está ben establecida a súa función aínda que unha das hipóteses dominantes é a de “alerta ladróns”; evitaría seren consumidas por pequenos crustáceos de abdome transparente que, de facelo, serían visibles para os depredadores. O espectáculo destas algas da lugar ao mar de ardora, buscado polas frotas pesqueiras pois adoita estar cheo de peixes alimentándonse. Unha fermosura que recibe denominacións poéticas como a de “bágoas azuis” na China. Sinxelo de ver en toda a costa especialmente no verán, resulta máis salientable en imaxes de longa exposición.

No ceo o aire brilla en verde. É a luminescencia nocturna que ben poderíamos chamar “ardora celeste”. As moléculas de aire alumeadas polo sol durante o día son ionizadas. Tralo solpor reemiten os fotóns captados creando ese brillo verdoso, difícil de ver a simple vista pero que se pode captar en imaxes de longa exposición. As moléculas implicadas poden ser de osíxeno, nitróxeno e óxido nítrico.

Esta imaxe mereceu o terceiro premio do xurado na categoría de paisaxes celestes no noso concurso anual, e ben merecido. Porque é unha imaxe que reúne tantos elementos que raro é o fotógrafo que non deveza tela na súa colección. E os cantís de Loiba (Ortigueira, A Coruña) sempre son moi agradecidos.

Poderías gostar de...

A muiñeira das auroras

Estamos a vivir unha tempada extraordinaria. Unha actividade solar en máximos históricos está a provocar que poidamos gozar das auroras boreais desde o noso país.

O lobo oubeando ao cabalo escuro

Na terra, un lobo oubea para indicar o seu mando na grea. No ceo, un cabalo escuro fica impertérrito. A nebulosa dese nome é unha

O xigante do tesouro

Ollade ben á torre do castelo. Dentro hai un pozo cheo de auga, o normal. Neste caso, o pozo ten un encantamento pois agocha unha

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2026