Unha raiola verde

Créditos: Óscar Blanco

O Sol é amarelo, a súa luz é branca, a derradeira raiola é verde.

Ollastes algunha vez o solpor no horizonte do mar? Si, de seguro. Seguistes o relucente astro ata o intre no que desaparece rozando na liña de auga coa parte superior do seu disco? É posible. Pero, notastes o fenómeno que se produce no intre mesmo no que lanza o seu derradeiro raio, se o ceo, límpido de brétemas, ofrece unha pureza inmaculada? Acaso non. Pois ben, a primeira vez que atopedes a circunstancia (pouco frecuente por desgraza) de facer esta observación, non sucederá, coma puidera crerse, que fira a vosa retina un raio vermello, senón un raio verde, pero dun verde marabilloso, dun verde que ningún pintor pode obter na súa paleta, dun verde cun matiz non reproducido xamais na natureza, nin nas variadas tinguiduras dos vexetais nin no ton dos mares máis transparentes. Se no paraíso existe a cor verde seguramente é esa, a verdadeira cor verde da esperanza!

Así introducía Jules Verne na súa novela “O raio verde” este fenómeno que espertaría na súa protagonista, Helen, unha procura polas Illas Hébridas ao norte de Escocia.

O noso colaborador programara fotografar este solpor. Ese lugar, entre o cabo Vilán e a illa de Vilán de Fóra, supuña o marco incomparable para unha fermosa fotografía e sabía de certo que ese día a esa hora o Sol estaría aí. A sorte foi que ademais deu caza ao raio verde, pero un raio verde canónico, pois o Sol está xusto no horizonte a piques de desaparecer.

Este fenómeno resulta máis común do que se pensaba, coas condicións atmosféricas axeitadas. Resulta ser unha combinación de refracción e espellismo. Os raios do sol atravesan capas atmosféricas de diversa densidade o que fai que as diferentes cores do interior da luz branca (que se ven nun arco da vella), sigan camiños diferentes. Os efectos combinados xunto doa presenza de zonas de diferente temperatura provocan que a nós chegue de cor verde esa raiola en particular. Pero tamén hai documentadas raiolas azuis, vermellas e raios verdes no luar todos publicados xa no noso proxecto e ocorridos no noso ceo galego.

Na edición de CeosGalegos18 publicamos un raio verde no lugar máis verniano do mundo, no mes de setembro. Esta fermosura adorna o mes de maio da edición #CeosGalegos19 #GalicienSkies19.

Poderías gostar de...

Flores no ceo, flores na terra

Vistes as flores celestes? Máis ben son as flores cósmicas. Aí, no medio desa nube que se estrica en diagonal pola imaxe, semellan caraveis rosas.

O ano das auroras boreais galegas

Querido mañá, se cando leas isto eu xa estiver lonxe no tempo e no espazo que saibas que hai auroras inauditas coa rubién do que

Imaxe de telescopio na nebulosa Augamar

Unha augamar para a portada

Hai 30 000 anos unha estrela estoupou, enchendo o espazo ao seu redor dos materiais que foi creando no seu interior. No lugar da estrela

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2025

1 comentario en “Unha raiola verde”

Os comentarios están pechados.